Bisbarra, 24 de abril do 2023 – A Coordinadora Eólica Así Non levou a Compostela a milleiros de persoas que rodearon o edificio administrativo da Xunta de Galicia para protestar contra os proxectos eólicos.
O colectivo lembra que este martes 25 de abril é a data límite na que 75 proxectos eólicos poderían recibir unha autorización previa administrativa por parte do goberno galego. Máis de dúas mil persoas instaron ademais á Xunta a paralizar outros máis de 150 proxectos que manteñen a súa tramitación pese á moratoria anunciada no seu día polo goberno autonómico.
A Coordinadora Eólica Así Non volveu a advertir dos danos ambientais, patrimoniais, sociais e económicos que os proxectos en curso, e os solicitados, poden provocar. Declararon tamén que as máis de 200 entidades e colectivos que conforman a Coordinadora apoian as enerxías renovábeis para acadar unha transición ecolóxica e socialmente xusta, pero non a calquera prezo.
Engadiron que as autorizacións que se poderían dar este martes non tiveron unha adecuada avaliación ambiental e foron tramitados “por vías exprés e antidemocráticas, poñendo en risco a preservación dos espazos naturais de maior valor ambiental do país”.
Nova planificación
Eólica Así Non insiste desde a súa creación da necesidade de cambiar o modelo que se está a implantar en Galicia “Dirixímonos á Xunta para dicirlle que aínda está a tempo de frear o desastre, denegando as autorizacións, paralizando os proxectos eólicos en tramitación, e promovendo unha nova planificación enerxética baseada no interese xeral do pobo galego, na que primen criterios de carácter ambiental e de xustiza social”.
Os manifestantes instaron á Xunta a cumprir coa súa obriga de ampliar a rede de espazos naturais protexidos como Rede Natura 2000 “un imperativo legal adiado intencionadamente polo executivo galego por máis de 15 anos para favorecer a depredación do territorio por parte das grandes corporacións empresarias amigas”.
Os colectivos, entidades e plataformas reunidas fronte a San Caetano demandaron tamén de forma urxente a restitución dos dereitos de participación pública “que lles foron usurpados a través das leis de depredación e simplificación impulsadas nos últimos dous anos polo goberno da Xunta, e agora tamén polo goberno do Estado.
As reclamas expresadas pola multitude de manifestantes foron recollidas no manifesto “Rodeamos a Xunta” que leron dúas membros da Coordinador “Eólica Así Non”, a escritora Sole Felloza e Belén Rodríguez.