Imaxe xerada por IA
Compostela leva anos vixiando e adaptando a normativa turística recollida no PXOM para evitar o descontrol de cidades como Barcelona ou Mallorca. O actual goberno municipal pon agora o foco nos apartamentos turísticos, edificios dedicados por completo a este uso.
O decreto 12/2017 da Xunta de Galicia distingue tres categorías: vivendas de uso turístico (VUT); vivendas turísticas (VT) (que son aloxamentos en vivendas unifamiliares) e apartamentos turísticos (AT) (bloques de pisos ou outras edificacións dedicadas na súa totalidade ao aloxamento turístico).
O concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, compareceu este venres en rolda de prensa e adiantou que o goberno someterá a consideración do pleno deste mes a adopción dun acordo de suspensión cautelar de licenzas para os Apartamentos Turísticos.
A suspensión será para a implantación de novos usos de hospedaxe en edificio exclusivo en inmobles de uso residencial. Farase só en certas zonas da cidade e durante o prazo máximo dun ano co obxectivo de, en ese tempo, estuda esta modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

O concelleiro explicou que a normativa do PXOM aprobada definitivamente en febreiro de 2023 prevé a posibilidade e necesidade de activar mecanismos de control cando existan solicitudes de cambio de uso de edificios completos que supoñan a substitución do seu uso característico, co obxectivo de protexer o tecido residencial e garantir unha oferta suficiente de vivenda.
Lestegas explica que “Non se trata de non permitir a implantación de usos de hospedaxe. Trátase de evitar que se substitúan usos residenciais e sobre todo que non se substitúan edificios enteiros de uso residencial como está acontecendo noutras cidades. É importante anticiparse”.
A preocupación nace dunha asociación veciñal que viu con preocupación como un edificio residencial (neste caso deshabitado) transformouse por completo en apartamentos turísticos.
A normativa sectorial autonómica, dixo, “está a favorecer” a substitución do modelo tradicional de hotel (con recepción, restaurante, ximnasio, salas de reunións, etc) por un novo modelo de edificio integramente dedicado ao alugueiro turístico por apartamentos, que se adapta mellor ao perfil de certos usuarios, reduce a necesidade de contratación de persoal e a prestación de servizos e que, en moitos casos, necesita investimentos moito menores para a súa implantación. “A normativa urbanística aprobada en febreiro de 2023 non impide a proliferación dese modelo”, concluíu.
Lestegás tamén indicou outro factor que facilita esta implantación, como é a ausencia de división horizontal nalgúns edificios ou o feito de pertencer a unha única persoa ou a varias en condominio facilita.
Non hai risco na Cidade Histórica
O edil lembrou que este risco non existe no ámbito do Plan especial de protección e rehabilitación da Cidade Histórica, que xa prohibe novos usos de hospedaxe. Non obstante, si existe fóra dese ámbito e sobre todo nas zonas máis próximas á cidade histórica.
“Neste escenario, consideramos oportuno ir máis alá coa regulación do uso turístico do parque residencial revisando os requisitos de implantación do uso de hospedaxe en edificio exclusivo, con especial atención aos edificios residenciais, cun obxectivo principal que guía moitas outras actuacións deste goberno: garantir o dereito á vivenda”, remarcou.
