A Rede de Centros Socioculturais buscan que os composteláns descubran a cidade que descoñecen co programa Revelando Compostela
Hai unha cidade detrás das rúas que pisamos cada día. Pode pensarse que nunha cidade obxectivamente pequena como Santiago todo está visto pero a rede de centros socioculturais cre que queda moito por descubrir. Así nace o programa Revelando Compostela.

Revelando Compostela é un programa de roteiros pensados para que a veciñanza coñeza mellor o seu municipio, tanto a súa riqueza natural e patrimonial como a súa historia e a memoria de quen a foi construíndo. Para os meses de maio e xuño están programadas un total de once saídas, dúas delas en bicicleta. O prazo para inscribirse ábrese o vindeiro martes.
Revelando Compostela
O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, encargouse da presentación de esta actividade. Explicou que Revelando Compostela ten como obxectivo “que os veciños e veciñas de Santiago se acheguen a zonas do municipio, sobre todo do rural, que aínda son grandes descoñecidas, pero tamén que redescubran lugares polos que transitan con frecuencia pero tal vez sen saber a súa historia ou as curiosidades que esconden”.
Engadiu que a intención é poñer en valor “o noso patrimonio natural e artístico, pero sobre todo a nosa memoria, desde un punto de vista reivindicativo”. O programa divídese en dúas tipoloxías de roteiros: “Camiños e aldeas con historia”, con percorridos pola zona rural; e “Roteiros de autor”, con percorridos polo ámbito urbano e periurbano, e centrados na recuperación da memoria.
Camiños e aldeas con historia
Para descubrir o rural de Santiago propóñense cinco roteiros, tres deles andainas a pé duns 10 quilómetros, e os outros dous, duns 25 quilómetros, para seren percorridos en bicicleta. A primeira das andainas, o 3 de maio, terá a súa saída desde o CSC da Peregrina e irá pola aldea do Bargo, Miramontes e Marzo de Arriba, para coñecer as pontes medievais do Gatofero, Camiño Real e Castro da Croa.
O 10 de maio, a proposta é coñecer As tres aldeas, Bálsoma e A Xesteira, visitando os seus muíños e a vella central da luz. Neste caso, a saída será desde o CSC da Gracia. Por último, o 23 de maio sairá do centro sociocultural de Enfesta unha andaina polo Castro de Formarís, a antiga estación da Sionlla ou a casa consistorial do vello concello de Enfesta, percorrendo a Aldea de Abaixo, Formarís, Penelas e A Costa.
En canto ás rutas en bicicleta, serán o 4 e o 11 de maio. A primeira polas ribeiras do Tambre, con saída desde o centro sociocultural da Casa Agraria de Meixonfrío; e a segunda sairá do CSC do Romaño para coñecer o Monte da Costa Negra. Para participar nestas dúas propostas será preciso ter cumpridos os 14 anos.
Roteiros de autor
No apartado dos roteiros de autor, están previstas seis saídas. A primeira será o 14 de maio, con saída desde o CSC Maruxa e Coralia, e co obxectivo de coñecer os Pazos de Compostela. Trátase dun percorrido que xa se ofertou, cun gran éxito, dentro da programación de Nadal dos Centros Socioculturais, e que neste caso se amplía con diferentes pazos e casas para coñecer non só os edificios senón a historia das persoas que os habitaron.
O 19 de maio haberá unha andaina polo Sarela, con saída desde a ponte de Asén e chegada na Pontepedriña de Arriba; e no 24 de maio ofértase unha visita guiada e teatralizada polo Casino de Santiago, para coñecer un dos espazos máis emblemáticos de Compostela.
Xa no mes de xuño, o programa súmase á celebración do Orgullo LGTBI co roteiro “Orgullosos de Lorca en Compostela”. Será o día 12, para coñecer os espazos de Santiago relacionados con Federico García Lorca.
No día 19 de xuño, a proposta é o roteiro “Freiras e non tan submisas”, con saída desde o convento de Santa Clara, para afondar na historia dos conventos, e na daquelas mulleres que atoparon neles espazos de liberdade nos que non tiñan que estar sometidas constantemente á instrución dun home.
O programa “Revelando Compostela” pecharáse o 26 de xuño cun percorrido polos Cafés históricos de Santiago, para coñecer onde están ou estiveron locais que fan parte da historia de Compostela como o Suízo, o Español o Quiqui Bar ou o Derby.
Inscrición Para cada un dos roteiros ofértanse 20 prazas. Para participar é preciso inscribirse previamente no centro sociocultural Maruxa e Coralia da cidade histórica, ou no teléfono 981 542456.