O concello reuniu este venres a distintos colectivos da cidade para coñecer a súa opinión sobre a taxa turística e aceptar suxestións e mellorar a proposta

No edificio CERSIA reuníronse asociacións empresariais, colectivos profesionais, partidos políticos, sindicatos e asociacións culturais e veciñais para coñecer o borrador do goberno municipal para aplicar a taxa turística, a “Ordenanza fiscal reguladora da recarga municipal sobre o imposto autonómico ás estadías turísticas”.
O encontro delimitou ademais os principais criterios para crear o Foro de Turismo Sustentable, que será o novo órgano de participación e gobernanza en materia turística. A concelleira de Turismo, Miriam Louzao, cualificou a xornada como “moi produtiva e moi necesaria para poder seguir no camiño de facer realidade este imposto sobre estadías turísticas”.
Ademais da concelleira de Turismo participou o concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César. As aportacións dos asistentes centráronse principalmente t en cuestións relacionadas coa forma de cobro da taxa por parte dos establecementos de aloxamento turístico e co destino dos fondos recadados e a súa repercusión tanto para a veciñanza como para o sector turístico.
A concelleira de Turismo avanzou que a intención do Concello e continuar no camiño de facer realidade esta recarga o antes posible e, que atendendo aos prazos administrativos propios na tramitación dunha norma deste tipo, se está traballando coa previsión de ter a recarga operativa este verán.
Pola súa banda, o concelleiro de Facenda explicou que o documento que se presentou, aínda sendo un borrador “está xa moi traballado pola Tesouraría do Concello”, polo que en canto finalice o período de consulta previa e se incorporen as suxestións que procedan, se continuará co procedemento para levar a ordenanza a aprobación plenaria.
Míriam Louzao lembrou ademais que tanto para a ordenanza fiscal como o Foro de Turismo Sustentable están abertas as consultas previas no portal web do Concello ata o día 7 de abril, e que a xuntanza desta mañá incrementa as canles de participación que a normativa esixe.
En relación á creación do Foro de Turismo Sustentable, a concelleira de Turismo explicou que se concibe como un espazo de diálogo, colaboración e asesoramento da política turística municipal en xeral, entre cuxas funcións se incluirán tamén as relativas ao destino da recarga municipal sobre o imposto autonómico ás estadías turísticas.
Este Foro, con respecto ao Consello Municipal de Turismo, incrementará o número de membros e variará as funcións e a periodicidade, de xeito que se constitúa nun Foro estable, cun funcionamento regrado e con carácter consultivo e de asesoramento nas políticas municipais relativas a turismo, dando cabida a un abano amplo de axentes de todo o concello.
