Compostela, 28 de decembro do 2023 – O concello de Santiago destinará máis efectivos da policía local ás zonas críticas no que se refire ao ruído nocturno.
Onte a alcaldesa, Goretti Sanmartín, o concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, e representantes da Policía Local e da Policía Nacional mantiveron unha xuntanza con membros da Plataforma de Asociacións Veciñais contra da Contaminación Acústica.
O encontro centrouse na redución doruído en horario nocturno en determinados puntos e na concienciación cidadá para garantir o descanso. Goretti Sanmartín explicou polo miúdo o labor que se realiza e revelou que no que vai de ano producíronse a un total de 995 infraccións.
A alcaldesa tamén informou que a Policía Local atendeu nos últimos tres meses e medio, un total de 221 chamadas veciñais, que deron como resultado 415 intervencións.
Goretti Sanmartín lembrou que vén de activarse de novo a campaña “Fala baixiño”, encamiñada a concienciar sobre os comportamentos en momentos de lecer, apelando á responsabilidade e respecto ao descanso das veciñanza. Esta campaña, tal e como xa anunciara o día da presentación, terá continuidade ao longo do vindeiro ano.
Nesta xuntanza acordouse continuar coas actuacións policiais para mitigar ruídos na rúa e reforzar as zonas máis críticas, así como avanzar na coordinación entre Policía Local, Policía Nacional e diferentes servizos municipais para continuar coa procura de solucións á hora de reducir a contaminación acústica na cidade.