Compostela, 13 de xullo do 2023 – A Comisión de seguimento do proxecto da nova depuradora na Silvouta reuniuse no concello de Santiago.

A Comisión aproveitou o primeiro encontro entre a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a presidenta executiva de ACUAES, Mª Rosa Cobo, na que tamén se tratou o estado do proxecto da depuradora.
A Comisión de seguimento é a encargada de velar polo cumprimento do convenio asinado no 2021 entre ACUAES, Augas de Galicia e o concello de Santiago para a construción e financiamento da nova Depuradora da Silvouta.
Por parte do Concello designáronse os novos membros da Comisión, na que participaron responsables dos departamentos técnico e financeiro de ACUAES e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, designados ao efecto.
As obras da EDAR serán cofinanciadas polos fondos Next Generation da Unión Europea no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
A nova depuradora terá unha capacidade de tratamento futuro de 277.000 habitantes equivalentes e contempla un pretratamento con capacidade futura para 4,5 m3/sg, capaz de asumir as puntas de caudal que chegan polo emisario do río Sar en tempo de choivas.
Dispón un tratamento primario e de auga de tormentas mediante decantación lamelar para un caudal de 2,25 m3/sg e un tratamento biolóxico por lodos activos, con membranas de ultrafiltración, que obtén unha vertedura con calidade superior á esixida para zona sensible. Para o tratamento dos lodos inclúese dixestión anaerobia con hidrolisis térmica, que permitirá a xeración de enerxía para autoconsumo e o emprego na agricultura dos lodos deshidratados.
Entre as súas principais vantaxes, a nova instalación disporá dun sistema de tratamento moi compacto especialmente indicado para lugares onde se conta cun espazo limitado e requírese unha alta calidade da vertedura, como é o caso. Ademais, a nova instalación conta con sistema de desodorización de última xeración que permitirá unha operación compatible cos usos que se desenvolven na súa contorna.
