Compostela, 8 de novembro do 2023 – A ampliación do Clínico e o novo centro de protonterapia precisará de máis aparcamentos, é o único no que parecen estar de acordo Xunta e concello de Santiago.

Onte martes as dúas institucións mantiveron unha reunión que concretou, máis aínda se cabe, as diferencias sobre como pagar esas prazas de aparcamento. A todo isto o concello urxe tamén á Xunta a solucionar os problemas de mobilidade e a carencia de prazas de aparcadoiro mentres duren as obras.
Na xuntanza participaron o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez. Por parte do concello acudiron a alcaldesa, Goretti Sanmartín, ademais dos concelleiros de Mobilidade, Xan Duro, e de Urbanismo, Iago Lestegás.
Quen paga que
A Xunta propón que o Concello contribúa cunha achega de 4,3 millóns de euros “para dotar o hospital das prazas de aparcadoiro precisas e mellorar a accesibilidade dentro do ámbito hospitalario”.
Desde o goberno autónomo explican que esa cantidade supón o 4% do investimento. Unha porcentaxe similar á que aportan Pontevedra, no caso do Hospital Gran Montecelo, ou Coruña para o Novo CHUAC.
Compostela pola súa banda lembra que o Clínico atende a 46 concellos e que a cidade supón só o 22% da área sanitaria. Lembra ademais que a responsabilidade sobre a ordenación do espazo do hospital é exclusivamente do Sergas, ao ser da súa propiedade
O concello tamén presenta as súas contas. Por unha banda aporta unha parcela para 400 prazas que esta valorada en 3.010.000 euros. A iso súmanse a achega de terreo a expropiar para a construción da glorieta da confluencia de Volta do Castro coa Travesa da Choupana cun valor de taxación de 261.720 euros que asume o Concello.
Por último engádese a bonificación da taxa de licenza do 95% do ICIO por un valor total de 1.905.000 euros. Todas estas achegas municipais sumarían 5.176.720 euros. En canto a conseguir máis espazo físico o concello aposta por desenvolver a ordenación do SUD 9-10 para que garanta a adecuada integración do complexo hospitalario, con espazos arborados e de paseo na súa contorna onde tamén se poida estacionar.
Mobilidade
O concello de Santiago xa se comprometeu á mellora do transporte urbano coa nova licitación pero ponlle tamén deberes á Xunta. Propoñen que poña en marcha o plan de mobilidade sustentable para as persoas empregadas no complexo hospitalario, previsto como obrigatorio no anteproxecto de Lei de mobilidade, cun servizo de transporte colectivo para profesionais sanitarios, xa que ocupan o 80% das prazas do aparcadoiro público en horario matinal, e dinamizar a súa zona reservada que mantén prazas libres.
Tamén convidaron á Xunta a incrementar as frecuencias e mellorar o servizo para propiciar o uso do transporte colectivo metropolitano para as máis de 450.000 persoas usuarias e visitantes potenciais procedentes dos 46 concellos da área sanitaria Compostela-O Barbanza. No propio estudo da Xunta determínase que tan só unha media de 340 persoas diarias utilizan o bus interurbano para desprazarse ao hospital clínico.
Unha obra moi complexa que se complica aínda más si se pensa que o servizo tense que seguir dando mentres duren as obras. Polo momento as cifras están sobre a mesa e ambas as dúas institucións reiteraron a intención de seguir colaborando e falando o que, dadas as circunstancias, non é pouco.