Compostela, 3 de xaneiro do 2025 – O concello de Santiago busca un inmoble no que reunificar os principais servizos económicos da administración local, dispersos na actualidade en distintos locais.

A Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación para o aluguer dun espazo que unifique as áreas de administración que integran urbanismo, Xestión Orzamentaria, Contabilidade e Tesourería, entre outras. O orzamento base da licitación, para un aluguer de catro anos, é de 1.058.750 euros.
O goberno local busca axilizar a xestión e, ao mesmo tempo, dar unha atención á cidadanía máis eficiente. Na actualidade, o persoal empregado do Concello que desenvolve estas funcións está situado en dependencias municipais dispersas por varias zonas da cidade.
Este movemento tamén lle permitirá ao Concello regularizar os contratos de aluguer dalgunha das oficinas que albergan persoal municipal na actualidade, que foron adxudicados no seu momento de forma directa e se veñen prorrogando dende hai tempo.
Características do inmoble
O local deberá estar situado dentro do perímetro que delimita o núcleo urbano de Compostela e a unha distancia máxima radial de 550 metros do Pazo de Raxoi; contar cunha altura libre mínima do local de solo a teito de 2,50 metros e cunha superficie mínima de 2.000 m2; ter acceso directo e inmediato desde a rúa e cumprir coa normativa de accesibilidade, tamén no referente aos servizos sanitarios.
Por outra banda os parámetros horizontais e verticais deberán dispor de revestimentos axeitados (solado, falso teito rexistrable, pintura e alicatado en servizos sanitarios) que permitan a súa utilización como oficina, e tanto a acometida eléctrica como as instalacións de telecomunicacións deberán cumprir os regulamentos e normas vixentes. No prego tamén se incluirán outra serie de requisitos en relación ás condicións de seguridade, habitabilidade e accesibilidade.
