Esta semana contabamos en Lindeiros a incerteza dos traballadores dos Centros Socioculturais de Compostela e hoxe podemos dicir que apareceu unha raioliña de sol. Por una banda a Xunta de Goberno adxudicou o lote tres, de dinamización e mediación sociocultural na rede de Centros Socioculturais, á empresa EULEN.
Por outro lado o goberno local enviou un requirimento á empresa solicitando que acredite o pago das nóminas mediante os recibos dos salarios e os xustificantes de pagamento bancario. Unha vez acreditada a situación de impago das últimas nóminas do 2025 o Concello procederá á retención das cantidades adedadas á empresa para garantir o pago dos citados salarios.
Esta retención produciríase tamén en xaneiro e febreiro se de novo se dera a situación de impago. Trátase dunha medida que pode aliviar a situación dos traballadores dos Centros Socioculturais que levan sen cobrar desde o pasado mes de outubro.
Novo horizonte
A adxudicación do primeiro dos tres lotes nos que se dividiu a licitación dos Centros Socioculturais de Compostela é o primeiro paso efectivo dunha nova etapa. Trátase da parte de dinamización e mediación sociocultural dos centros. Será a empresa Eulen a que asuma o servizo por un importe total de case 2 millóns de euros.
Trátase dunha cifra moi similar á fixada como orzamento base de licitación, 1.983.165,80 €, que supón un incremento de máis do 13% con respecto ao anterior contrato. Nos Centros Socioculturais prestaranse 39.000 horas de servizo ao ano, distribuídas en programas e actividades relacionados coas temáticas de xogo e ocio (6.000 horas/ano para as aulas de xogo e 13.000 horas/ano para os programas de ocio), clubs de tempo libre (4.000 horas/ano), actividades ordinarias vinculadas á cultura e arte, memoria e patrimonio, natureza e sustentabilidade, e benestar e saúde (2.500 horas/ano); dinamización dixital e novas tecnoloxías (8.000 horas/ano), e actividades estacionais vinculadas a datas como o verán, o Nadal ou o Entroido (2.000 horas/ano).
Os pregos establecían tamén unha bolsa de 3.500 horas anuais para actividades non regulares, que serán de obrigado cumprimento. Nas próximas semanas resolveranse tamén as adxudicacións dos outros dous lotes nos que se dividiu a licitación da xestión dos Centros Socioculturais, os de atención e información ao público e xestión da biblioteca pública José Saramago.
En total, o Concello destina á xestión da rede de Centros Socioculturais para os próximos dous anos un orzamento de 3.398.323,72 euros, un 24% máis que en 2021 (2.575.513 euros). O presuposto anual do servizo queda en 1.669.161,86 euros, 381.000 euros máis que na actualidade.
Garantir o pago aos actuais traballadores
Ao tempo que avanza na adxudicación dos novos contratos, a Concellaría de Centros Socioculturais segue procurando solucións para as traballadoras afectadas polo atraso no cobro das súas nóminas. O Goberno local enviou un requirimento como fórmula para acreditar o impago e, nese caso, reter os cartos que se deben a empresa e empregalos para pagar aos traballadores.
Este proceso repetiríase coas nóminas de xaneiro e os días correspondentes de Febreiro, no suposto caso de que continúe a situación de impago.
