Compostela, 6 de novembro do 2023 – A quinta edición do Fairway, o foro arredor do Camiño de Santiago, rematou con moi boas sensacións despois de tres intensos días de traballo e visitas.
O Fairway xirou en esta edición arredor da economía circular a e súa aplicación no contexto do Camiño. Unha temática que serviu de debate a través de testemuñas de expertos que propuxeron modelos turísticos sustentables. Do mesmo xeito, o foro do Camiño de Santiago serviu para xerar debate e ideas de cara a paliar problemáticas do sector vencellado ás distintas Rutas Xacobeas.
A última xornada do Fairway, onte domingo, daba comezo coa visita dunha delegación de Wakayama, encabezada polo seu gobernador, Shuhei Kishomoto, que acudiu cos alcaldes de Tanabe e Nachikatsuura. A comitiva realizou un percorrido polo espazo expositivo acompañada polo director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, así como por codirectores do evento.
Tras realizar unha parada no seu stand do Camiño Kumano Kodo, asistiron á mesa redonda do Fairway Congreso sobre Rutas e Camiños no mundo. O fenómeno das peregrinaciones, alén as nosas fronteiras. Nesta sesión, realizada en inglés e moderada pola xornalista Xulia Campo, participaron representantes do Camiño Kumano Kodo, do Camiño Saety de Irlanda O’Donnell e da Ruta Histórica do Camiño Maltés a Compostela. Un interesante percorrido por outros itinerarios que se poden atopar noutras partes do globo.
Cambio climático e pragas
A sección de Congreso continuou cun intenso debate sobre A xestión da seguridade e hixiene no Camiño de Santiago. Nela participaron, Inés Mato Naveira, subdirectora xeral de Programas de control de riscos ambientais para a saúde da Consellería de Sanidade; José Carlos Otero, profesor ad honorem da USC e experto en Entomoloxía; César Ballesteros, presidente da Federación Provincial de Hostelería de Pontevedra; Miguel A. Rodríguez, presidente de AGALBER, e Iago Alonso, xerente de Plagostel.
Coa problemática das pragas de chinches en todo tipo de aloxamentos estendida por Europa, as persoas participantes neste debate salientaron a necesidade de establecer protocolos nos labores de prevención e desinfección dos aloxamentos. Suxeriuse tamén a posibilidade de mellorar o mobiliario para fomentar esa prevención de pragas y de establecer espazos específicos para mochilas e maletas. Ao tempo, apelaron á promoción dunha maior información e formación a profesionais e visitantes sobre esta problemática.
Neste senso, Ballesteros asegurou que a información ás persoas visitantes resulta crucial. Rodríguez, pola súa banda, engadiu que se debe promover unha campaña de información conxunta a desenvolver por todos os establecementos aloxativos para informar ás persoas usuarias sen alarmar e eliminar o tabú existente sobre esta problemática, evitando, deste xeito, que aumente.
Precisamente sobre esa alarma social, Inés Mato aclarou que a chinche non transmite enfermidades, polo que non supón un peligro para a saúde. Aínda así, desde a Xunta contan con toda a documentación precisa sobre esta cuestión e brindouse a informar sobre os protocolos de limpeza e información existentes neste Departamento da Consellería de Sanidade.
Tanto Mato como Otero puxeron o foco no cambio climático como un factor determinante na proliferación de novas especies de chinches. Aínda así, o experto entomólogo afirmou que a existencia destes insectos nada ten que ver coa falla de limpeza ou desinfección nun establecemento, xa que pode aparecer tanto en hoteis de 5 estrelas como en albergues.
Finalmente, Alonso abordou o procedemento a seguir no tratamento de pragas deste tipo. O máis importante, na súa opinión, é a revisión periódica para evitar a expansión de chinches. Neste senso, apelou á utilización de protocolos de inspección, que teñan responsables designados. Por iso, cómpre concienciar ao sector aloxativo de que se deben adoptar medidas diarias, sempre e cando se adquiran unha serie de coñecementos básicos de prevención na aparición destes insectos.
Exemplos de aplicación da Economía Circular na empresa
Paralelamente, a Sala Compostela acolleu durante a mañá novas sesións do Fairway Academy. A primeira delas foi un obradoiro práctico de Comunicación Instantánea, que correu a cargo de María Fernanda Mina, directora comercial de España para la empresa Francesa Quicktext. A experta achegou novos métodos de uso das ferramentas de Intelixencia Artificial para a xestión da comunicación directa coa clientela.
Seguidamente, ofreceuse a mesa redonda sobre Economía Circular. Moderada por un dos codirectores do Fairway, Tono Mugico, achegou diversas perspectivas sobre a aplicación destes principios no desenvolvemento de iniciativas empresariais, como no caso do colectivo Creativas Galegas -representado por Isabel Pernas- e do restaurante A Artesa da Moza Crecha -sobre o que falou Lolo Mosteiro-. Ademais, tamén se falou sobre o desenvolvemento de proxectos a través de fondos públicos, como no caso das Illas Metabólicas do Concello de Archena, que explicou Anselmo Ríos, CEO de Redflexión Consultores. Finalmente, achegouse a perspectiva da ciencia sobre as numerosas posibilidades da economía circular pola súa capacidade de actuación en todo o ciclo de vida tecnolóxico. Como exemplos, Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC, expuxo casos prácticos de recuperación de residuos, cambio de materias primas ou o uso compartido e servicizing.
A última sesión do Academy correu a cargo de Hugo López, que falou sobre as vantaxes de Tik Tok na xeración de reservas para aloxamentos turísticos.
Balance positivo do Workshop
Paralelamente ás sesións de formación e debate, o Palacio de Congresos de Santiago acolleu entre onte e hoxe un total de 4.150 reunións de negocio entre 40 turoperadores de 16 países e máis de 100 empresas locales provedoras de produtos e servizos nos Camiños de Santiago. Logo de dúas intensas xornadas, os profesionais participantes amosaron a súa satisfacción por poder contar con este espazo para amosar as súas ofertas a turoperadores internacionais que procuran servizos de proximidade e diferenciadores nos destinos nos que promoven as súas viaxes.
Presentacións de destinos e proxectos
Pola súa banda, no Hall A ofrecéronse cinco presentacións de proxectos e destinos. En primeiro lugar, falouse sobre a IX Travesía O Camiño a Vela nunha charla protagonizada por Northmarinas.
Seguidamente, a Deputación luguesa presentou no Fairway Os Camiños da provincia de Lugo, para despois continuar coa charla do INORDE Provincia de Ourense, porta de entrada do AVE e do Camiño Mozárabe a Galicia. Finalizaron as presentacións co proxecto Camiño de Inverno, un percorrido inesquecible, da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno, e o Camiño Miñoto Ribeiro.