Compostela, 16 de febreiro do 2025 – Os lavadoiros forman parte da historia recente de moitas vilas coma Compostela que ven de poñer en valor oito deles coa súa restauración.

O concelleiro de Vías e Obras, Xesús Domínguez, visitou o lavadoiro de Picaños, un dos restaurados no marco do proxecto de recuperación, mellora e mantemento dunha vintena destes espazos tradicionais.
O Concello destinou case 48.000 euros ás intervencións realizadas en 8 lavadoiros da zona urbana da cidade co obxectivo de pór en valor estes espazos e recuperar o seu valor patrimonial como puntos tradicionais de socialización das mulleres.
Xesús Domínguez supervisou o lavadoiro “singular e octogonal” de Picaños. Alí aproveitou para explicar as actuacións realizadas en 8 dos 21 que inclúe o proxecto. Domínguez dixo que os primeiros foron priorizados “en función do seu valor patrimonial”;trátase dos de Picaños, o Romaño, Avío, Vite, Vite de Abaixo, Salgueiriños de Arriba, Salgueiriños e Casal do Castiñeiriño.
O edil detallou que o Concello destinou 47.938 euros para levar a cabo “actuacións en distintos graos” como cambios de válvulas ou pedras, labores de reposición, pintado e impermeabilización do tanque, reparación do tellado, selado das conducións de auga e tamén de limpeza e mellora da contorna nalgúns casos. No caso dos traballos realizados no lavadoiro de Picaños, Xesús Domínguez explicou que “tiña fugas de auga polo que houbo que levantar as pedras, limpar, repara todas as filtracións, selado do vaso”.
Con estas intervencións o Concello pretende “poñer en valor estes espazos, recuperando o seu valor patrimonial porque foron lugares de traballo ata finais dos anos 70 e 80 do século pasado, nos que as mulleres, que eran as que lavaban, tiñan que sufrir as inclemencias do tempo pero tamén tiñan un valor socializador xa que se xuntaban e poñían en común os seus problemas”.
O proxecto prevé futuras intervencións nos lavadoiros de Salgueiriños de Arriba, Santo Ignacio, Casas Novas, San Lázaro de Abaixo, Mallou, Porto do Medio, Viso de Arriba, Lamas de Abade, Casal do Castiñeiro e Combarro, co obxectivo final de recuperar un total de 21 espazos.
A directora do proxecto, Paula Luna, tamén salientou que a nivel técnico búscase levar a cabo intervencións que non sexan moi agresivas para que respecten a pedra “xa que en moitos deles hai un traballo moi importante dos canteiros no labrado tanto das pezas de lavar como do vaso”.