займ срочно

Compostela adxudica a restauración da contorna dos ríos Sar e Sarela

0

Compostela, 4 de setembro do 2023 – O concello aprobou en Xunta de Goberno extraordinaria adxudicar a restauración da contorna dos ríos Sar e Sarela por algo máis de 300.000 euros.

O proxecto servirá por unha banda para restaurar e mellorar as marxes do Sar e o Sarela, plantando árbores, colocando pasarelas e restaurando elementos patrimoniais. Por outro lado colocaranse a sinalización axeitada que permita que os usuarios aprecien os elementos de todo tipo que conforman as sendas.

O ámbito de actuación comprende o acondicionamento e restauración ambiental dun espazo situado baixo o viaduto da AC-543 (na avenida de Xosé Filgueira Valverde) sobre o río Sarela, en Vidán, que se divide en dúas zonas: ámbito sur (Sar e Vilar), entre o xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte e o tramo do Camiño portugués, paralelo ao río Sar entre a Ponte Vella de Arriba e o viaduto da Rocha; e o ámbito norte, que comprende o acondicionamento e restauración ambiental do espazo situado baixo o viaduto da AC-543, nas dúas marxes do río Sarela.

Entre os obxectivos concretos deste proxecto figuran, ademais da recuperación ambiental, a solución dos problemas de accesibilidade mediante sendas e pontes, a creación de zonas de lecer e a implantación de recursos de comunicación para contribuír á revalorización do espazo a recuperar.

A proposta do ámbito norte consiste en crear unha conexión entre a rúa superior e o río mediante unha serie de espazos de estancia e cunha pequena ponte peonil que conecte coa outra beira.

En canto ao proxecto do ámbito sur, inclúe as seguintes actuacións: o acondicionamento da zona situada entre a entrada ao xacemento da Rocha Forte e a vía férrea; a creación dun pequeno aparcadoiro de servizo no terreo municipal situado entre a rúa do Piñeiro e a vía férrea; o acondicionamento do paso subterráneo baixo a vía do tren; o acondicionamento da carballeira situada ao oeste do xacemento arqueolóxico; a construción dunha senda peonil, próxima ao curso do regato do Vilar, entre o paso subterráneo e o río Sar; a construción dunha pasarela peonil para o paso sobre o Sar, xunto á súa confluencia co regato do Vilar; a continuación da senda, paralela ao Sar, ata atoparse co Camiño de Santiago Portugués; a recuperación da vexetación de ribeira dos cursos do regato do Vilar e do río Sar, na zona comprendida entre a vía férrea e o encontro co Camiño Portugués.

O primeiro tramo da senda, que continúa o camiño existente entre o aparcadoiro da rúa do Churruchao e a entrada ao castelo, conduce ao túnel que pasa por baixo da vía férrea. O acceso ao túnel realízase mediante unha escaleira de catro tramos que aproveita o noiro existente, sen afectar aos restos da muralla.

A intervención complétase co tratamento vexetal das zonas adxacentes ao carreiro así como a plantación de árbores autóctonas nos puntos nos que a recuperación do bosque de ribeira o requira.

Os paneis informativos construiranse con aceiro, con deseños emparentados cos do xacemento, de modo que a través da súa formalización se estabelece un fío condutor que percorre toda a senda.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies