Compostela, 3 de decembro do 2024 – A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou o inicio da licitación da obra de reparación da cuberta do Pavillón Quiroga Palacios.
O executivo destinará ao Quiroga Palacios case 380.000 euros. A intención é que as obras comecen nada máis rematar o curso e terán un prazo de execución de dous meses e medio.
A voceira do Goberno municipal, Miriam Louzao, explicou que para realizar esta intervención “abrirase un procedemento aberto simplificado de adxudicación para poder telo todo preparado para comezar a obra xusto o día despois de que remate o curso escolar” e non afecte de xeito negativo ao día a día da escola.
Louzao detallou que o obxectivo é solucionar as incidencias relacionadas coas filtracións de auga na cuberta do Quiroga Palacios que tamén se emprega como patio do colexio “polo que a incidencia é maior” e recordou que nas últimas semanas tamén se levou a cabo o acondicionamento da parcela adxacente ao centro como aparcadoiro provisional. Abrirase ademais unha porta de emerxencia no pavillón para aumentar a capacidade deste espazo.
Rehabilitación de firmes
O executivo municipal aprobou tamén o proxecto básico e de execución do proxecto de rehabilitación de firmes de vías urbanas. 2024” por un importe total de 460.004,08 euros e un prazo de execución de catro meses.
As actuacións levaranse a cabo sobre unha superficie de 23.360 metros cadrados e nos seguintes ámbitos urbanos: rúa do Castiñeiriño, rúa de Canteiras do Sar- rúa de Mouronzón, rúa da Muíña-rúa do Porto de Amio e rúa da Mariñeira, rúa das Mulas, rúa do Tambre e rúa dos Irmandiños. As intervencións están previstas para o vindeiro período de primavera-verán por mor das condicións climatolóxicas.
Pavillón de Vite
Por outra banda a Xunta de Goberno local tamén autorizou o inicio dos trámites para a recepción das obras de rehabilitación integral do pavillón municipal de Vite, cofinanciado por Fondos Next Generation, e cun coste total de 1.209.712,72 euros.
Míriam Louzao recordou que a liquidación das obras de reforma “deste equipamento deportivo tan necesario no noso concello” é posible grazas á aprobación da suplementación de crédito no Pleno municipal do pasado 28 de novembro e detallou que as obras realizadas centráronse na mellora da envolvente do edificio, no selado e refozo da cuberta, no cambio de carpinterías, na construción de novos vestiarios, na adaptación dos baños, e na instalación de novas baixantes e grandes ventanais nunha das fachadas. Tamén se reforzou a iluminación do espazo, aplicouse un tratamento interior antihumidade e de ruído e se renovou o cableado eléctrico co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética deste pavillón.
A concelleira explicou que alén dos fondos Next Generation, tamén se realizarán nos vindeiros meses unha serie de actuacións complementarias con cargo a fondos propios do Concello, que consistirán na instalación dun valado novo para a práctica do hockey, novo mobiliario e no arranxo da pista “para poder abrir o pavillón totalmente renovado”.