Compostela, 30 de xaneiro do 2019 – Concello de Santiago e Consorcio remitiron a Xunta de Galicia, para a avaliación ambiental, o Plan Especial Director do Camiño Francés.
Jorge Duarte, concelleiro de Espazos Cidadáns, facía fincapé na importancia da paisaxe en este Plan Especial “supón un salto cara adiante na maneira de mirar o planeamento, centrándose na súa compoñente paisaxística que é unha parte fundamental do Camiño de Santiago e do seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade”.

O documento foi elaborado pola Oficina Técnica do Consorcio, por encargo do Concello de Santiago. O documento ten como obxectivo, tal como explicaba Belén Hernández, Xerenta do Consorcio, “establecer as medidas necesarias para garantir a protección e recuperación do patrimonio que deba protexerse nos ámbitos do Camiño Francés, o Camiño do Norte, o Monte do Gozo e a primeira liña de parcelas edificadas ao pé do Camiño. o novidoso é a súa compoñente paisaxística e ambiental, algo que se está a aplicar en toda Europa e no que en Galicia deberamos ser máis rigorosos porque temos unha paisaxe excepcional”.
Traballo de diagnose
A arquitecta do Consorcio, Lourdes Pérez, explicou que “a elaboración do documento partiu da diagnose da situación do ámbito, tendo en conta información histórica, a caracterización da paisaxe ou a análise dos trazados do Camiño”. A partir dese estudo, definíronse os elementos estratéxicos a ter en conta no Plan Especial Director: os elementos de valor ecolóxico, as diferentes escenas paisaxísticas, o Camiño de Santiago, os elementos de valor patrimonial, os asentamentos de poboación e as súas dotacións e infraestruturas e o sistema agroforestal. O documento define os obxectivos a conseguir para cada un deses elementos estratéxicos.

No relativo aos elementos de valor ecolóxico, os obxectivos do Plan Especial Director do Camiño Francés son evitar a perda de biodiversidade e a posta en valor dos recursos, favorecendo a interacción coas persoas. En canto ás escenas paisaxísticas, o documento persegue preservar as composicións visuais características do ámbito, mellorar as deficiencias das paisaxes urbanas e periurbanas, recuperar as composicións visuais históricas, e conseguir unha mellora visual do Camiño. O Plan Especial apunta tamén á necesidade de recuperar e acondicionar o Camiño de Santiago, avoga por protexer e recuperar o patrimonio intanxible e construído, e demanda a revitalización dos núcleos de poboación, mellorando a súa calidade estética e ambiental e favorecendo o equilibrio entre poboación e equipamentos e servizos. Por último, en canto ao sistema agroforestal, o documento ten como obxectivos poñer en valor a paisaxe agraria e contribuír á sustentabilidade do modelo produtivo.
Ordenación e protección da paisaxe
Lourdes Pérez afondou na descrición das catro Áreas de Protección que representan os elementos con maior singularidade do ámbito, tal e como se recolle no Plan Especial. Trátase da Área de Protección dos Valores Ecolóxicos (áreas de interese ambiental e formacións vexetais), a Área de Protección dos Fondos Escénicos (partes do territorio que presentan fraxilidade visual), a Área de Protección do Camiño (elementos con valores ecolóxicos, culturais e visuais máis directamente vinculados á ruta xacobea) e a Área de Protección dos Valores Patrimoniais Culturais (elementos de patrimonio cultural sometidos a unha protección individualizada polos seus valores específicos).
O Plan Especial Director do Camiño Francés define, ademais, dúas áreas de ordenación que se analizan de maneira máis detallada pola necesidade de dar resposta á regulación de determinados ámbitos en solo urbano e rural. Esas dúas áreas son a de Asentamentos, Dotacións e Infraestruturas, para a que se aposta pola definición de novas ordenanzas para os ámbitos de solos de núcleo rural e os urbanos que se atopan en lugares de transición ao rural; e do Sistema Agroforestal.
Catálogo pormenorizado e programa de actuación
Durante a elaboración do Plan Especial Director do Camiño Francés, realizouse un traballo pormenorizado de análise e identificación dos elementos de interese patrimonial de tipo etnográfico, industrial, construído, arqueolóxico e natural, recollidos nun pormenorizado catálogo no que aparecen Áreas de Interese Ambiental, xacementos arqueolóxico, vestixios históricos do Camiño, arquitectura relixiosa, vivendas labregas e construcións adxuntas como muíños ou pombais.
En canto ao programa de actuacións, no documento defínense actuacións globais, que son aquelas que lle afectan ao conxunto do ámbito ou a varios emprazamentos e que teñen un carácter máis estratéxico, e as actuacións integrais que inclúen diferentes tipos de accións sobre unha mesma contorna. Preguntada por como afectará máis directamente á poboación o Plan Especial, Lourdes Pérez explicou que “un dos obxectivos é crear conciencia, conseguir que as persoas que habitan este ámbito sexan conscientes do valor dos elementos que as rodean desde as súas propias vivendas aos elementos etnográficos e a propia paisaxe”. A arquitecta do Consorcio incidiu en que “a protección recollida no documento non impedirá que se constrúa nas parcelas nas que está permitido, que se rehabiliten vivendas ou que se amplíen. O Plan Especial só establece as pautas para facelo sendo respectuosos co valor destes elementos, incluídos fornos, lareiras, muíños, ou vivendas típicas do agro coruñés”.