Compostela, 28 de febreiro do 2025 – Si Compostela fora unha serie de televisión onte pechou a tempada coas distintas tramas rematadas aínda que sen saber que sucederá na seguinte.

Para o goberno municipal de BNG e Compostela Aberta foi unha boa tempada. Péchase coa presentación dos proxectos que buscarán fondos europeos, cos orzamentos participativos en marcha, coa aprobación dos orzamentos anuais e, despois de 20 anos, hai unha “nova esperanza” para Peleteiro.
A tempada tivo intrigas nas filas socialistas, dúbidas ata o último momento sobre os votos de algúns concelleiros, malestar veciñal, mesmo a aparición dunha nova asociación representada por un ex concelleiro pedindo transparencia. Todo garante a continuidade da trama.

Aprobados os orzamentos e desbloqueado Peleteiro
O certo é que a realidade non dista de esa serie de televisión. O pleno de onte mostrou a cada grupo no seu papel e sen sorpresas. Tras días de aparentar estar ao borde do abismo o grupo socialistas votou unificado nos dous principais temas.
Os orzamentos e a modificación do PXOM que permitirá desbloquear Peleteiro aprobáronse co único voto en contra do Partido Popular. Un Partido Popular que, aínda que o intentou matizar, volveu a dicir que Peleteiro non era o mellor sitio para vivenda pública porque estaba no centro; foi o que entendeu todo o mundo menos os concelleiros populares.
Tamén explicou Borja Verea que os orzamentos non eran realistas por querer recadar 6 millóns de euros con licencias de auto taxi e taxa turística e retou á alcaldesa a dimitir se non o conseguía.
O concelleiro de facenda, Manuel Cesar, tirou de retranca e díxolle a Verea qu lle houbese gustado gobernar pero que non alcanzou os votos que tivo Conde Roa, unha comparación que non sentou ben na bancada popular.
E agora?
E se non fora por eses pequenos exabruptos o pleno sería aínda máis aburrido. Pero todo queda aberto na tempada que agora comeza. Peleteiro terá obras por fin? Os orzamentos servirán para alcanzar os pobres niveis de execución que adoitan ter os gobernos municipais, este e todos? Conseguiranse os fondos europeos ou terase que elixir en que se meten os cartos propios?
E agora que estes temas están encamiñados alguén se atrevera a falar da Casa da Xuventude ou do parque comarcal de bombeiros? Ou quedarán para unha spin off? Este mandato en Compostela pode ser complicado pero nunca aburrido.