Compostela, 23 de outubro do 2024 – A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou os proxectos de rehabilitación do complexo deportivo de Santa Isabel e a mellora da rúa García Lorca.

O executivo local deu luz verde á reurbanización da rúa García Lorca cun orzamento de 1.198.901,06 e un prazo de execución previsto de 16 meses. A voceira do grupo de goberno, Miriam Louzao, explicaba que “Somos conscientes da relevancia e do esperado desta obra que, como sabedes, temos que volver a sacar a licitación debido ás subas de prezos nos materiais”.
Louzao engadiu que “Agora, a Xunta de Goberno local aprobou o proxecto reformado co fin de actualizar os prezos recollidos en función do mercado actual e tamén para facer una revisión técnica do documento”.
O obxectivo xeral perseguido para esta rúa consiste, basicamente, en dous aspectos fundamentais: a mellora das condicións de accesibilidade e a substitución e renovación das instalacións urbanas.
Rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel
Outra obra moi esperada que ten xa proxecto aprobado é a rehabilitación integral de Santa Isabel. Neste caso trátase da rehabilitación da envolvente do complexo para a mellora do comportamento enerxético, a sostenibilidade do conxunto, a accesibilidade, a habitabilidade e mantemento das instalacións.
Miriam Louzao lembrou que “falamos dun proxecto moi relevante, que ten un orzamento de 3.018.449,40 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de 8 meses unha vez licitado. Conta cunha axuda do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) do Estado e por tanto ten que estar executada antes do 31 de decembro do 2025”.
Louzao salientou o compromiso “coa mellora das instalacións deportivas pois é unha necesidade importante do noso Concello e porque o deporte tamén ten que ver, e moito, coa calidade de vida desa Compostela boa de vivir”.