Compostela, 12 de xuño do 2024 – A concelleira de Deportes de Compostela, Pilar Lueiro, presentou onte o plan de reforma integral do estado Verónica Boquete en San Lázaro.

Un proxecto que se quere desenvolver en distintas fases e que precisará dun investimento de máis de 9 millóns de euros. A aportación garantida pola Deputación da Coruña hai uns días ( 850.000 euros para a reforma das cubertas) será o primeiro paso de esta reforma.
Pilar Lueiro explicou que “Despois de 30 anos en funcionamento, esta importante infraestrutura municipal precisa ser rehabilitada atendendo a varios aspectos”. Engadiu que se trata da primeira vez en tres décadas que un goberno local fai unha aposta decidida a medio e longo prazo para unha reforma completa do estadio.
O estadio de San Lázaro, o Verónica Boquete, é usado na actualidade distintas entidades deportivas da cidade agardan para poder usar as instalacións en canto sexan reparadas. O estadio conta con capacidade para 12.111 persoas sentadas. O terreo de xogo de herba natural ten 105 metros de longo e 68 de amplo. A pista de atletismo rexistra 400 metros de desenvolvemento.
O estadio foi deseñado no ano 1990 polo arquitecto Andrés Fernández Albalat Lois e inaugurado en xuño de 1993. O 30 de outubro de 1989, o Concello de Santiago, a Xunta e o Consello Superior de Deportes asinaron o convenio para a construción desta infraestrutura e impulsar o deporte compostelán e galego.
Actuacións
Alén da cuberta e a fachada, cómpre adaptar ás instalacións á normativa actual de accesibilidade e seguridade. Tamén son necesarias actuacións para renovar o equipamento deportivo e adaptar tanto o céspede como as pistas atléticas ás necesidades actuais dos clubs e persoas usuarias. Finalmente, é preciso tamén a reurbanización da contorna do estadio para converter o complexo no lugar de referencia para o deporte municipal ao aire libre.
O proxecto inclúe actuacións de 1,2 millóns de euros para a rehabilitación da envolvente (fachada, cuberta e soportais); 3,1 millóns para intervencións en espazos deportivos e outros; 2 millóns para o plan de autoprotección, que inclúe catro fases; e 2,8 millóns para acondicionamento. O total do plan, no que o Goberno municipal insiste en que é preciso que se impliquen o resto de administracións, ascendería a 9,37 millóns de euros.