Colaboradora de Dan Auerbach (The Black Keys), unha das artistas favoritas de Bob Dylan ou telonera dos Rollng Stones son algúns dos roles asumidos nos últimos anos por Valerie June.

O Outono Códax ten unhas raíces moi asentadas na música negra desde hai quince anos e hoxe volve a súa esencia mesma con Valerie June (Sala Capitol, apertura de portas 20:30). A cantante e compositora norteamericana, que actúa en Galicia por primeira vez, protagonizará a bo seguro unha desas noites que adoitan quedar na memoria de quen acude aos concertos do festival compostelán.
Orixinaria de Tennessee, Valerie June ten unha traxectoria que contempla seis álbums. O último , Owls, Omens and Oracles, foi publicado en abril deste 2025. Un disco que, en palabras do crítico musical Fernando Neira, é “un dos álbums máis impactantes, ousados e inspiradores deste 2025”.
No 2017, tralo lanzamento de The Order of Time, Bob Dylan mencionouna como unha de súas artistas favoritas, algo que Valerie June considerou máis importante que calquera premio ou calquera título.
Tamén ten colaborado con Elvis Costello e traballado estreitamente con Dan Auerbach (The Black Keys), con quen compuxo varias cancións que formaron parte do disco Pushin’ Against a Stone. Estivo nomeada ao Grammy e aos Americana Music Honors and Awards e foi a encargada de abrir o concerto de The Rolling Stones en Londres .
Coa súa amálgama de rock, folk, soul, blues e outras especias da tradición roots estadounidense, Valerie June sintetiza unha forma de facer música que soa distintiva, atemporal e, por enriba de todo, moi persoal. Con cancións tecidas como frescas descargas medicinais ao redor do amor, a dozura, a bondade e a alegría. E cunha voz que en cada tremor delata a súa honestidade emocional.
Valerie June é á vez rural e cosmopolita, clásica e contemporánea, idiosincrásica e á moda, mística e cos pés na terra. É, en definitiva, un espírito libre, expansivo e gozosamente inaprensible, do que por fin podemos desfrutar en Galicia.
Pablo Leira
O encargado de abrir a xornada do xoves no Outono Códax será o músico ferrolán Pablo Leira. Formado musicalmente no Berklee College of Music, en Boston (onde, no 2020, gañou o premio Jimi Hendrix), Pablo Leira dedícase agora en corpo e alma á música. En 2023 presentou de modo profesional o seu proxecto persoal co disco Dirt, Wood & Grass, no que ensinaba cancións novas e antigas cun aire country e de modo intimista.
No seu novo traballo, 207, que presentará en directo no Outono Códax, explora máis o lado da Americana con volume, con ecos de Neil Young ou Son Volt pero manténdose fiel á beira de The Band. Tradición e gancho pop, retrousos que transpiran atemporalidade polos catro custados e sensacións a flor de pel sucédense ao longo dos doce cortes que conforman esta nova demostración de talento por parte do trobador folk-rock ferrolán.
Aínda máis
Pero a recta final do Outono Códax é unha sucesión de concertos imperdibles, un tópico pero que se fai realidade. O venres 21 será a queda de Les Grene e The Good fathers e o sábado 22 a de Komodrag & The Mounodor xunto con Quinn DeVeaux & Mandota. Todos estes concertos serán na Sala Capitol, con apertura de portas ás 20:30.

Les Greene é orixinario de Maryland, pero afincado en Nashville, conta Les Greene que dende moi novo mostrou unha paixón innatapola música, influenciado polo rico legado musical da súa cidade e por artistas como James Brown, Little Richard e Sam Cooke.
Ao longo da súa carreira ten colaborado con destacados artistas e foi recoñecido con varios galardóns, incluído o Premio á Revelación do Ano nos Music Awards de Nashville. Greene é ademais un apaixonado defensor de causas sociais e ten participado en numerosas iniciativas benéficas, utilizando a súa música como plataforma para crear conciencia sobre temas como a saúde mental e a igualdade.
The Good fathers traen a Compostela a súa Xira 40 Aniversario, unha viaxe no tempo a través da súa extensa discografía, cun repertorio “best of” que abrangue catro décadas.
Tras o enorme éxito da súa xira de aniversario Birth, School, Work, Death en 2023 e 2024, emprenden no 2025 unha gran xira para celebrar o seu 40º aniversario como banda.
9 álbums de estudo, clásicos vellos e novos… Os pioneiros da new wave, liderados polo carismático Peter Coyne, poden presumir dunha carreira brillante. Co seu segundo álbum Birth, School, Work, Death, The Godfathers asentaron as bases do son punk e new wave dos anos 90 a finais dos 80, e seguen sendo unha referencia fundamental para innumerables bandas, como Die Ärzte.
Xa o sábado chegarán Komodrag & The Mounodor. A formación naceu en 2019 do encontro de dúas bandas de rock, heavy e psicodelia: Moundrag e Komodor, dando como resultado un electrizante supergrupo de rock a medio camiño entre Crosby, Stills, Nash & Young, Jefferson Airplane e Grand Funk, que xerou unha química inmediata co público grazas a un directo que combina rock progresivo, heavy psicodélico, doses de groove, dúas baterías, guitarras fuzz, órgano Hammond e amplis de válvulas. Todo un ritual musical cargado de enerxía pura ao 100 %.
Antes deles subirán ao escenario Quinn DeVeaux & Mandota, un deses artistas aos que convén seguir a pista porque todas as críticas e referencias que del se fan auguran que será un dos nomes relevantes da escena soul, internacional nos vindeiros anos.
Quinn DeVeaux pasou a súa infancia vivindo coa súa avoa, unha ex cantante de jazz, en Gary, Indiana, lugar onde tamén naceron os Jackson 5. Sendo aínda un adolescente, tras escoitar a Muddy Waters, enfiou rumbo cara ao oeste con só a súa guitarra e a súa privilexiada voz.
Xa en San Francisco, tras formar parte de varias bandas, Quinn puxo en marcha o seu proxecto en solitario e publicou o seu primeiro álbum, This could be yours. Tras ese primeiro disco trasladouse a Nashville dende onde ten publicado o resto da súa discografía, aclamada pola prensa musical.
