Compostela, 20 de decembro do 2024 – As débedas de Compostela veñen de anos atrás, agora o pleno aproba recoñecementos extraxudiciais para acabar con algunha das máis cuantiosas: a de Viaqua.

Cando as facturas seguen sen ser pagadas despois do ano no que se xeran, ou non están asignadas a ningunha partida en concreto no ano en curso, teñen que ir a un recoñecemento extraxudicial de crédito. A institución asume que, polos motivos que foran, non se pagaron en tempo ou non estaban consignadas nos orzamentos e teñen que ser pagadas de esta forma.
Na sesión ordinaria de este xoves aprobáronse, cos votos a favor do BNG, Compostela Aberta e PSdG e a abstención do grupo popular, tres expedientes de recoñecemento extraxudicial que permitirán liquidar varias débedas contraídas polo Concello, nos últimos anos, con Viaqua, a xestora do abastecemento e saneamento da cidade.

Manuel César, concelleiro de Economía e Facenda, , congratulouse pola aprobación destes tres créditos que permitirán liquidar “recoñecementos que se viñan adiando e que acrecentaban as débedas de xuros xerados co paso do tempo, gravando innecesariamente as finanzas municipais”, e que tamén evitará “ter que recorrer á vía xudicial”.
Os tres expedientes de recoñecemento extraxudicial de crédito suman un total de 2.968.268,30 euros, dos cales 2.931.592,30 euros, o 98,76 por cento do total, corresponden a débedas coa empresa VIAQUA que se remontan ao ano 2016. Trátase de contías debidas á compensación pola falta de revisión das tarifas do servizo de xestión integral do ciclo da auga desde 1 de xaneiro de 2019 até 1 de maio de 2020.
Segundo detallou o concelleiro este crédito permitirá tamén facer fronte ás débedas pendentes pola prestación do servizo das novas instalacións da EDAR da Silvouta III fase desde 1 de xaneiro de 2017 até 1 de maio de 2020 e outras derivadas da prestación do servizo de xestión das novas instalacións de saneamento do colector de Aríns, da EDAR de Aríns, da EDAR de Nemenzo, da EDAR da Sionlla, da EDAR da Lavacolla e da EDAR de Enfesta, desde 1 de xaneiro de 2016 até 1 de maio de 2020.
Tamén se saldarán diversas facturas pendentes con empresas fornecedoras do Concello en concepto de aluguer, mantemento ou prestación de servizos varios. Manuel César xa avanzara esta semana algunhas das cifras ao respecto da redución tanto do período medio de pagamento como da débeda contraída nos anos precedentes “a débeda a provedores que chegou a superar os 17 millóns de euros, situouse a finais de novembro en 6.900.000, un millón por debaixo da que atopamos ao chegar ao goberno. O período medio de pagamento calculado tamén a finais deste mes de novembro quedou nos 58,65 días, tamén por debaixo dos 79 que tiñamos en xuño de 2023”.
