A ANPA do colexio compostelá presentou hoxe unha reclamación ante a Consellería de Educación e solicitou unha reunión coa Inspección educativa.

Como temos informado en Lindeiros os principios de curso desde hai anos son motivo de queixas e reclamacións tanto de persoal como de infraestruturas. A estas reclamacións súmase hoxe o CEIP Monte dos Postes de Compostela.
Hoxe mesmo presentou unha reclamación ante a Consellería de Educación e solicitou unha reunión coa Inspección Educativa.
Os motivos son a “situación crítica de falta de profesorado e persoal de apoio, especialmente en atención á diversidade”. A ANPA agarda “unha resposta urxente por parte da Consellería; de non recibila, iniciaremos mobilizacións no centro ata que se doten os recursos mínimos necesarios”.
Os pais concretan as necesidades nun comunicado remitido aos medios. Consideran puntos clave contar unicamente cunha xornada e media de pedagoxía terapéutica (compartida co CEIP das Fontiñas) e unha xornada en audición e linguaxe.
No presente curso explica que “hai 21 alumnos/as con discapacidade ≥33%; engadindo o resto de necesidades especiais de apoio educativo, acádanse 50 casos”. Tamén denuncian o menor apoio educativo nas aulas ordinarias o que provoca “sobrecarga do profesorado, con impacto na calidade educativa e na inclusión”.
Os pais do Monte dos Postes piden un “aumento urxente de profesorado de apoio (PT, AL) e persoal de coidado. Reforzo de recursos humanos e materiais para garantir unha educación pública, inclusiva e equitativa”.
Engaden que “non pedimos nada extraordinario: recursos mínimos para garantir a educación inclusiva e a igualdade de oportunidades no noso centro.
