Vista posterior pazo raxoi imaxe google maps
Compostela, 11/07/2026 – A recepción das obras do Pazo de Raxoi serán aprobadas na Xunta de Goberno Local do vindeiro luns. O anunciou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, na habitual rolda de prensa dos venres.
Sanmartín engadiu ademais que en outono comezarán a desenvolver as visitas guiadas ao Pazo. Colexios, Asociacións e colectivos de Compostela, e turismo en xeral serán os tipos de grupos que accedan a estes percorridos acompañados de guías profesionais.
As obras tiveron un investimento de tres millóns de euros do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia do goberno central e foron xestionadas a través do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade.. Os traballos acometeron melloras de accesibilidade, adecuación dos espazos e rehabilitación do patrimonio histórico.
Goretti Sanbmartín dixo que “O fin último do financiamento para esta obra é a apertura do Pazo de Raxoi para que poida ser un recurso turístico”. O proxecto incorpora outros obxectivos con gran repercusión para a veciñanza e o servizo público: a accesibilidade, a climatización e a adecuación e rehabilitación dos espazos para os usos do día a día.
A rexedora recordou ademais que o Pazo de Raxoi nunca estivo aberto ás visitas máis que de xeito puntual e indicou que existe moita documentación para enriquecer o contido informativo do programa de visitas. “Moita xente de Compostela non coñece o Pazo de Raxoi, a súa historia e a súa memoria, como por exemplo que aquí estivo o cárcere da Falcona, que hai unha capela ou o inventario”, comentou.

Visitas para escolares, veciñanza e turistas
O Concello dispón dun plan, incorporado na documentación xustificativa da subvención, que prevé tres tipos de grupos de visitantes: escolares, veciñanza e turistas.
As visitas para grupos escolares serán en período lectivo e completaranse con material didáctico. O Departamento de Educación informará os centros do calendario e organizará os grupos para garantir que as nenas e nenos composteláns teñan a oportunidade de coñecer a Casa do seu Concello.
As asociacións culturais, veciñais ou de calquera outro ámbito radicadas en Compostela poderán reservar tamén visitas en grupo dentro do calendario que se habilite, que será en horario de tarde ou de fin de semana e de xeito gratuíto.
En visitas turísticas poderán reservarse a través de Turismo de Santiago e serán tamén fóra do horario de funcionamento ordinario das oficinas municipais. Para estas visitas establecerase un prezo público que faga sustentable o programa, coas bonificacións habituais para estudantado e outros colectivos.
