A edil socialista Mila Castro pide que, ante a apertura do Pombal, se acondicione o Campiño da Ferradura xa que “leva meses de abandono absiluto”.

Unha das obras máis esperadas ábrese este luns, o Pombal é a porta de entrada no centro da cidade para toda a zona de Galeras, Casas Novas ou Salvadas. Polo momento a rúa recupera o dobre sentido pero non o transporte público que comezará a funcionar de novo por aquí despois de Semana Santa.
O obra do Pombal contou cun orzamento de máis 760.000 euros e tiña como obxectivo a mellora da calidade xeral da zona. Tamén supón unha mellora en accesibilidade e funcionalidade, ademais da renovación do muro e noiro da Alameda, así como a renovación das instalacións e servizos urbanos.
Elimináronse barreiras arquitectónicas e ampliouse a dimensión da beirrarúas próxima ás edificacións, adaptándoa á normativa vixente e creando un itinerario peonil, moi utilizado, máis cómodo e seguro.
As obras incluíron a construción dunha plataforma única, mais co tráfico rodado segregado e ben delimitado, co resultado dunha rúa máis amable e favorable para camiñar a pé ou circular con cadeiras de bebés ou de rodas. Tamén conta con mobiliario urbano renovado, pequenas áreas axardinadas e zonas de descanso.
No relativo ás instalacións e dotación de servizos urbanos, renováronse as redes xerais de saneamento e abastecemento, e houbo una modernización das instalacións de iluminación pública, máis eficientes e homoxéneas. Tamén se interveu nas redes de telecomunicacións e distribución de gas.
Ademais dos dous carrís de circulación, a marxe dereita pegada ao muro conta cun carril refuxio para a bici. O obxectivo é facilitar o uso ciclable na rúa e favorecer a seguridade viaria das ciclistas neste tramo de subida.
Demanda de melloras na contorna
Desde o Grupo Municipal Socialista esixen ao goberno local unha actuación integral de acondicionamento da rúa do Campiño da Ferradura ante a reapertura do Pombal. A concelleira Mila Castro lamenta o estado no que se atopa este sendeiro, que ascende desde o Pombal ata a Alameda, no espazo no que está na actualidade a escultura de Isaac Díaz Pardo.
Castro critica que, logo de “meses de abandono absoluto”, todas as árbores plantadas nunha das beiras do sendeiro secaron. Mila Castro engade que existe un “importante volume de maleza, silvas e herbas altas que, desde logo, deixan esta contorna moi lonxe dos parámetros de coidado que cabería esperar no parque da Alameda”.
Unha situación que, insiste a que fóra responsable de Parques e Xardíns durante o pasado mandato, é recorrente noutras zonas verdes da cidade e que, nas súas palabras, “evidencia a falta de control do goberno local sobre as empresas concesionarias responsables do coidado dos espazos naturais e o desinterese nesta materia”.