Compostela, 15 de outubro do 2019 – O pianista ucraíno Dmytro Choni toca esta semana coa Real Filharmonía de Galicia o “Concerto para piano nº 2” de F. Chopin.
Serán dous concertos. O xoves 17 será en Santiago, na súa sede, o Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. E o venres 18 desprazarase a Lugo, onde tocará no Círculo das Artes da cidade, ás 20:00 horas, no marco da colaboración que a orquestra mantén coa Sociedade Filarmónica de Lugo. Ademais de Dmytro Choni ao piano, a batuta de ambos os concertos levaraa o director asociado da RFG, Maximino Zumalave.
Talento ao piano
Baixo o título “Norte, Sur e Leste” o programa destes concertos comezará coa Abertura “En estilo italiano” de Franz Schubert (1797-1828).
A continuación soará o Concerto para piano nº 2 de Frédéric Chopin (1810-1849), que será interpretado polo mozo pianista ucraíno Dmytro Choni, de tan só 26 anos. Gañador do primeiro premio no Concurso Internacional de Piano de Santander en 2018, preséntase como unha das promesas máis relevantes da súa xeración. O seu talento foi recoñecido en diferentes certames internacionais de piano en Italia, Ucraína, Alemaña, Suíza, Estados Unidos ou China.
Como solista actuou con diversas orquestras sinfónicas como a da República de San Mariño, a do Vallès, RTVE, Nacional de Ucraína, a de Suzhou en China ou a de Phoenix; baixo a dirección de grandes mestres. Tamén traballou no campo da música de cámara, tocando xunto a recoñecidos artistas.
Naceu en Kiev en 1993. Recibiu a súa primeira lección de piano aos catro anos. Formouse na súa cidade natal e na actualidade estuda na Universidade de Música e Artes Escénicas de Graz en Austria. Os seus compromisos desta tempada levarano a debutar en recital no prestixioso Wigmore Hall de Londres e no Festival Internacional Cervantino de Guanajuato (México). En España poderémolo escoitar, ademais de xunto á Real Filharmonía de Galicia, coa Orquestra da Comunidad de Madrid, entre outras.
A Sinfonía “Escocesa” de Mendelssohn
Os concertos de Santiago e Lugo concluirán coa Sinfonía nº 3 “Escocesa” do compositor romántico alemán Felix Mendelssohn (1809-1847). Ideouna durante a súa primeira viaxe a Gran Bretaña e está dedicada a Réinaa Vitoria.
O público de Santiago poderá manter un encontro previo co mestre Maximino Zumalave
Antes da celebración do concerto do xoves en Santiago, o público terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Maximino Zumalave. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “Convers@ndo con”, que a Real Filharmonía de Galicia promove antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.