Baixo a dirección de José Luis Temes, a Real Filharmonía realizará un programa adicado ao clasicismo no que soarán por primeira vez en directo as sinfonías de María Luisa de Borbón

A Real Filharmonía de Galicia actúa esta semana na Igrexa de Santo Agostiño cun programa especial dedicado ao clasicismo, que inclúe o primeiro e o cuarto movemento da Sinfonía núm. 40 de Mozart, a Sinfonía 12 de Carlos Baguer, así como as Sinfonías 1 e 4 de María Luisa de Borbón.
Estas últimas foron gravadas polo director xunto á Real Filharmonía de Galicia, en agosto do ano pasado, enmarcadas dentro do proxecto de investigación da musicóloga Ana Lombardía, profesora da Universidade de Salamanca, quen foi responsable por sacar á luz estas partituras.
A iniciativa buscaba inmortalizar as composicións inéditas da infanta, coñecida como a primeira compositora española en escribir partituras sinfónicas. Os espectadores que o desexen poderán achegarse o día 16 de xullo, ás 20:00h, para gozar en directo da interpretación deste repertorio inédito xunto a outras obras do clasicismo español e europeo.
No día 17 de xullo o concerto repetirase á mesma hora, tamén na Igrexa de Santo Agostiño. O acceso ao evento é libre, ofrecendo ao público compostelán a oportunidade de gozar da calidade sonora da orquestra no corazón da cidade, apreciando unha acústica única nunha contorna especial.
Un experimentado director
José Luis Temes naceu en Madrid en 1956. Titulouse en 1976 polo Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, estivo á fronte do Grupo de Percusión de Madrid entre os anos de 1976 e 1981, unha iniciativa entón pioneira para a difusión do repertorio internacional contemporáneo, con case duascentas actuacións por España, Portugal, Italia e Hungría.
Temes dirixiu ata o momento algo máis de mil concertos. Estreou máis de 350 obras de música española e publicou máis de cen discos con patrimonio musical español do últimos tres séculos. Ademais, en 2008, foi galardoado co Premio Nacional de Música, polas mans dos entón Príncipes de Asturias, «polo seu inmenso labor como director de orquestra».
