Compostela, 10 de abril do 2019 – O Goberno municipal de Compostela Aberta levará a pleno a modificación do PXOM do solar onde se situaba o colexio Peleteiro para reducir o uso comercial e introducir a vivenda protexida.
O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, deu conta da proposta, que por indicación da Dirección Xeral da Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia incorpora un convenio de actuación urbanística que será asinado entre o Concello de Santiago e a SAREB, propietaria da maior parte dos terreos.
O obxectivo da modificación do Plan Xeral e cambiar os usos e pasar dun gran centro comercial, primeira idea que se barallou, por un tipo de comercio máis tradicional. Duarte salientou “a aposta por un volume edificado menos agresivo e máis integrado e coherente cos edificios xa existentes no contorno das rúas San Pedro de Mezonzo e Xeneral Pardiñas, e pola introdución da vivenda protexida en pleno centro da cidade”.
Modificacións
O actual PXOM contempla unha edificabilidade máxima de 23.500 metros cadrados dos que a metade está prevista para uso comercial e de restauración ou ocio. A actual normativa permite ademais un máximo de 4.500 metros cadrados para vivenda. O espazo destinado a uso público é pouco máis de 2.000 metros cadrados.
A modificación que se propón limitar o uso comercial a 3.500 metros cadrados, e sempre en planta baixa, seguindo o planeamento do conxunto do Ensanche. Ao tempo, increméntase ata os 15.500 metros cadrados o uso residencial, pero coa novidade da introdución da vivenda protexida. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que “o Goberno mantén a súa premisa de esixir un mínimo do 30 por cento de vivenda protexida en calquera modificación de planeamento que se realice, para garantir un acceso máis igualitario á vivenda, tamén nos centros das cidades”. Jorge Duarte explicou que neste caso esixiuse ese 30 por cento na nova superficie residencial contemplada na modificación do PXOM, de xeito que no conxunto do ámbito a porcentaxe de vivenda protexida será do 20 por cento.
Por último, mantense a previsión de destinar 900 metros cadrados construídos á implantación dun equipamento público, en planta baixa ou baixa e primeira. Jorge Duarte adiantou a intención do Concello de que este equipamento “sexa destinado a centro de día, e de feito así se lle formulou a entidades como AGADEA que mostraron o seu total apoio á proposta”.
En total, a superficie edificable redúcese a 19.900 metros cadrados. O concelleiro explicou que a modificación do PXOM “xa lle foi presentada aos representantes das entidades veciñais e comerciais da zona, e hai un apoio unánime porque se entende que este planeamento permitirá crear un novo centro vital no Ensanche”. Nesa liña, salientou que a nova praza pública “estará completamente aberta á rúa da República Arxentina, ocupando o espazo que na actualidade é o patio do colexio, e terá un acceso tamén a San Pedro de Mezonzo”.
Convenio coa SAREB
Jorge Duarte explicou que durante o trámite de avaliación estratéxica ambiental da modificación do PXOM no ámbito do PERI-12, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio da Xunta apelou á necesidade de achegar un convenio urbanístico que garanta a obtención gratuíta para o Concello dos novos espazos libres públicos proxectados neste espazo. O concelleiro de Espazos Cidadáns lembrou que “o Concello é propietario dunha parcela no ámbito do vello Peleteiro, pero é preciso garantir que estes terreos sexan substituídos por aqueles nos que o novo planeamento prevea o espazo público”. Duarte agradeceu a boa disposición do SAREB “que aceptou as demandas do Concello en relación á limitación ao uso comercial e á introdución da vivenda protexida”
O convenio sinala que a ordenación que resulte definitivamente aprobada para o ámbito do vello colexio Peleteiro deberá executarse nun prazo de tres anos. Nese tempo, os propietarios dos terreos deberán adaptar a configuración actual das parcelas ao novo planeamento e adxudicar ao Concello os terreos de uso público; e solicitarán a licenza de edificación. Unha vez outorgada esa licenza, os propietarios deberán entregar ao Concello o local destinado a equipamento público e, con carácter simultáneo á edificación executarán as obras de urbanización e acondicionamento dos espazos públicos do ámbito.
Se a modificación puntual do PXOM é aprobada inicialmente no Pleno o proxecto será sometido a exposición pública durante o prazo de dous meses. Ao tempo, o outorgamento de licenzas de parcelación, edificación e demolición no ámbito do vello Peleteiro quedará suspendida por un prazo máximo de dous anos.