Compostela, 18 de novembro do 2024 – O Partido Socialista de Santiago levará a pleno unha proposta para instalar os denominados “parklets” en espazos dedicados a praza de aparcamento.

O socialistas explican que o obxectivo da iniciativa é “ampliar espazos de socialización e impulsar o fluxo de cidadanía ao comercio local”. A proposta diríxese en concreto ao Ensanche da cidade e foi presentada polas concelleiras Mila Castro e Mercedes Rosón.
En práctica noutras vilas
Os “parklets” son pequenas extensións de beirarrúa que ocupan o prazo dunha ou dúas prazas de aparcadoiro e que se configuran como “microparques” ofrecendo un lugar de descanso e encontro para a cidadanía
Estes espazos poden estar equipadas con vexetación e mobiliario urbano creando un lugar de descanso e socialización para a cidadanía. Os “parklets” “téñense revelado noutras cidades do mundo como unha alternativa innovadora para crear novos espazos públicos que incrementen o fluxo de cidadanía e melloren a paisaxe urbana”.
A concelleira Mila Castro explicaba que esta proposta podía ser beneficiosa para “atraer a máis persoas ás zonas comerciais” incrementando o fluxo peonil cara tendas e restaurantes. É precisamente ese motivo o que levaría a instalar estes “microparques” en zonas nas que, na actualidade, hai un gran número de locais baleiros, co obxectivo de impulsar a súa ocupación.
“A instalación de parklets supón crear unha nova forma de interacción entre comerciantes e comunidade” destacou Mercedes Rosón, que destacou que con esta iniciativa “gáñase espazo para os peóns e redúcese o gris das rúas máis sombrías”.

O exemplo da rúa Doutor Teixeiro
Castro exemplificou esta situación coa casuística da rúa Doutor Teixeiro que, na zona máis próxima á Praza de Galicia, conta con unha importante actividade comercial baixo o motor de determinadas multinacionais; mentres o tramo final desa mesma rúa conta cunha decena de locais pechados: “xustamente onde non hai ningún espazo de socialización”.
O Psoe propón que se estude esa rúa como unha posible localización para un primeiro “parklet” que axude a dinamizar a zona con maior atractivo e máis tráfico de persoas. Foi a edil Mercedes Rosón quen puxo o exemplo doutros lugares nos que se implantou con éxito esta fórmula dos microespazos de socialización como en Ponferrada, na ponte García Ojeda; en Lugo no marco da humanización da rúa do Esquecemento ou en Barcelona.

Tamén a nivel internacional puxeron o exemplo de San Francisco ou Londres, onde ofrecen a posibilidade aos negocios de “empregar parte dese espazo para exhibir os seus produtos”.
Tamén o exemplo das ramplas mecánicas da Gran Vía de Vigo, explicou Rosón, podería ser un exemplo útil ou un espello no que verse en Santiago, toda vez que eses elementos mecánicos de mobilidade se combinan con áreas de descanso e zonas de socialización que “estamos vendo como teñen un impacto moi positivo no fluxo de cidadanía”. Precisamente, Rosón explica que no caso de Santiago se debera ter en conta tamén que eses parklets inclúan algunha zona cuberta.
