Compostela, 17 de xullo do 2023 – O Psoe de Santiago presentará unha moción no vindeiro pleno do concello pedindo distintas medidas que impidan o peche da farmacia de Marrozos.

O Psoe explica na exposición de motivos que a farmacia, situada na N-525 na Susana, da servizo non só á veciñanza de Marrozos senón tamén á do Eixo, Aríns, San Breixo de Sergude, en Boqueixón e San Xián de Sales e San Fins de Sales, en Vedra; o que supón case 6.000 persoas afectadas.
A farmacia está aberta desde hai 45 anos pero no pasado mes de decembro cambiou de propietario. Unha semana despois o novo dono solicitaba o traslado a unha ubicación no Castiñeiriño. En esta zona hai na actualidade cinco oficinas de farmacias, concentradas entre o Castiñeiriño e Cacheiras (Teo), mentres que entre o Castiñeiriño e Boqueixón pasarían a ser soamente tres.
O Grupo Socialista lembra que a Lei 3/2019, de 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia, artigo 41, determina que os cambios de ubicación estarán suxeitos a limitacións como que se respecte a demarcación territorial asignada no seu día e non poderá producirse un detrimento grave do servizo farmacéutico na zona na que estea situada.
Este traslado obrigaría á cidadanía residente nese ámbito a desprazarse cada vez que necesiten retirar os seus medicamentos, o que ocasionaría un grave trastorno á poboación de máis idade, que son a gran maioría, e que non sempre dispoñen dun medio de transporte.
Por outra banda, deberá estudarse desde o departamento de urbanismo se a nave industrial onde se pretende abrir a nova oficina reúne as condicións para a apertura dunha farmacia, toda vez que se trata dunha nave industrial situada ao carón da estrada na rúa do Outeiro do Castiñeiriño.
A moción apela na parte dispositiva á intervención do Colexio oficial de farmacéuticos, a Xunta de Galicia e ao departamento de urbanismo do concello de Santiago.