Bisbarra, 22 de novembro do 2022 – A Vía Verde, que xa une Cerceda con Oroso, xa ten proxecto para chegar a Compostela, aprobado onte na Xunta de Goberno Local.
O tramo desde Santiago a Oroso da Vía Verde quedara fora das axudas destinadas a concellos de menos de 20.000 habitantes. Compostela aprobou onte un proxecto que supón un investimento de 796.766,58 euros.
A Vía Verde comeza en Compostela polo que o que se acondicionará será, a efectos de sinalización, o tramo 1. Partirá das inmediacións da antiga estación da Sionlla de Abaixo e chegará ao límite do termo municipal co Concello de Oroso, nas inmediacións do núcleo de Sigüeiro, nas proximidades de Bálsoma.
Actuarase sobre 2,165 quilómetros, que non producirán afección algunha sobre bens de interese cultural ou xacementos arqueolóxicos, xa que non afecta directamente a ningún elemento catalogado, ao discorrer o proxecto sobre a plataforma xa existente do antigo ferrocarril.
O tramo inclúe dous túneles. Un a medio quilómetro da estación da Sionlla, que discorre baixo a N-550 e conta con 454 metros de lonxitude, que se atopa nun bo estado xeral, segundo o informe do proxecto, aínda que presenta filtracións, máis importantes nos longos períodos e choiva.
O segundo túnel, de 385 metros de lonxitude, transcorre baixo o Monte Cacheiro e o Camiño de Santiago Inglés, na variante de Agualada. Atópase máis deteriorado que o anterior, cun nivel elevado de filtracións de auga.
As solucións sinaladas aseguran unha gran accesibilidade, xa que permiten o percorrido de todo tipo de bicicletas, de cadeiras de rodas, de carriños de bebés e de persoas con minusvalías. A maiores, confire un gran atractivo á Vía Verde, pois permite que os usuarios a perciban como un “novo produto”, perfectamente definido e diferente doutros existentes, e que facilita o percorrido e acceso aos puntos de interese.
Tamén está prevista a instalación de elementos de protección, como varandas, elementos de sinalización e elementos auxiliares, como indicación de puntos quilómetricos, pivotes extraíbles, aparcabicicletas e bancos e mesas nas áreas de descanso; e a iluminación dos túneles con lámparas leds, alimentadas por paneis solares.