займ срочно

Compostela entra no Nadal

0

Compostela, 2 de decembro do 2022 – Desde esta tarde o concello de Santiago de Compostela entrará no Nadal co acendido das luces e o comezo dun amplo programa de actividades.

As luces de Nadal en Compostela acenderanse ás seis e media da tarde en varios puntos da cidade. O Casco Histórico, Ensanche, barrios, entradas da cidade, parroquias ou edificios municipais e enclaves singulares estarán desde ese momento iluminados.

A iluminación de Nadal estará en funcionamento ata o 6 de xaneiro de 2022 desde as 18:30 h ata as 1:00 h, agás os días 24, 25 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro, nos que a iluminación permanecerá acendida desde as 18:30 h. ata as 9:00 h. Esta iluminación das rúas completarase coa que realiza Turismo de Santiago nos persoaxes senlleiros presentes na Alameda ou en edificios representativos como a fachada de San Domingos de Bonaval, ou a da Casa da Conga.

O concelleiro de Festas e Turismo, Sindo Guinarte e a concelleira de Centros Socioculturais e Acción Cultural, Mercedes Rosón foron os encargados de presentar a programación na que destaca a recuperación da celebración da festa de Fin de Ano e da Cabalgata dos Reis Magos, tras dous anos de parón por mor da pandemia.

Veciñanza e visitantes están invitados a acudir á praza do Obradoiro o vindeiro 31 de decembro a partir das 22.30 horas para despedir o ano ao ritmo das badaladas e gozar a continuación coa actuación musical da Orquestra Fania Blanco Show.

Os máis cativo terán este ano a oportunidade de darlle a benvida aos Reis Magos de Oriente que percorrerán as rúas da cidade a tarde do 5 de decembro. A cabalgata sairá ás 16.30 h da praza da Mercé de Conxo e percorrerá a avenida de Ferrol, Romero Donallo, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, porta Faxeira, Vilar, praza de Praterías, Fonseca e praza do Obradoiro. Na praza saudarán á Corporación e sairán ao balcón para saudar tamén os nenos e nenas, para recibir a continuación as súas cartas.

Mercado de Nadal

O venres 2, arranca o xa tradicional Mercado de Carreira do Conde ás 12.00 h. Todas as persoas interesadas poderán achegarse e coñecer as creacións dos expositores de decoración propia da época, alimentación gourmet e artesanía (xoias, madeira, cerámica, vidro, coiro, xoguetes, téxtil, regalo orixinal, deseño…). A partir do 23 de decembro o centro comercial Área Central tamén contará co seu propio mercado.

Do 2 ao 24 de decembro os postos están dedicados en exclusiva á decoración de Nadal e á alimentación gourmet selecta, co obxectivo de facilitar ao público a preparación da casa e dos menús para estas datas. Do domingo 25 de decembro a xoves 5 de decembro exporanse produtos de artesanía e agasallos orixinais.

Mercado da Estrela

De novo, durante a fin de semana do 16 ao 18 de decembro, terá lugar outra cita xa habitual no Nadal compostelán, o Mercado da Estrela, un evento cultural multidisciplinario, que este ano chega ao seu undécimo aniversario, no que as persoas creadoras de Galicia exhiben e venden o froito do seu talento para que as súas pezas se convertan en orixinais e innovadores agasallos co selo #talentogalego. O mercado complétase cun atractivo programa de concertos e oferta gastronómica.

Desenvolverase en catro espazos de destacado valor histórico e patrimonial de Santiago de Compostela: Claustro procesional de San Martiño Pinario (Praza da Inmaculada); Hospedaría de San Martiño Pinario (Praza da Inmaculada); praza 8 de marzo; e pista cuberta nos xardíns do Centro Don Bosco.

Apego

O 30 de decembro terá lugar a Festa do Apego no Auditorio de Galicia, que pretende achegar un tempo de lecer e cultura en galego aos máis pequenos da casa. Esta iniciativa ofrecerá espectáculos, obradoiros e mostras para toda a familia desde as 12:00 ata as 19:00 horas.

Autocine

Este Nadal tamén volve o autocine. Do 2 ao 7 de xaneiro, pequenos e maiores poderán gozar desde o interior do auto dunha coidada selección de filmes para todos os públicos.

Entre os títulos elexidos para estas Festas atópanse Klara y la Navidad en la Granja, Eles transportan a morte, O Grinch, Clifford el gran perro rojo, Belle e o circo máxico ou Arthur Christmas, para o público infantil e familiar. Devolvendo o golpe, as curtamentraxes Augas abisaism Rompente e Sycorax, Unicorn Wars ou Quien a hierro mata, son os títulos programados para o público adulto.

MultiXogo Nadal

O Mutiúsos do Sar acollerá un evento xa coñecido pola cativada compostelá, que volve tras varios anos de ausencia, o MultiXogo Nadal, con múltiples actividades dirixidas a un público familiar que se desenvolverán entre os días 26 de decembro e o 2 de xaneiro entre as 17:00 e as 20:30 horas (agás o 31 decembro, entre as 10:30 h e a 14:00 h).

O evento contará cunha gran tirolina de 80 metros de percorrido dende a que se atravesará dende as alturas toda a pista central do recinto en diagonal, así como de circuitos de inchables, rocódromos, piscina de bolas xigante, circuito de karts a pedais, simuladores, videoconsolas, xogos interactivos, xogos populares, actividades deportivas e obradoiros de Nadal. Ademais tamén se sumarán actividades específicas diarias como concertos didácticos de cancións de Nadal, sesións de maxia, contacontos, sesión de dj infantil con badaladas, sesións de zumba…

Percorrendo a cidade

Tamén volverá este ano o tradicional Nadal sobre rodas, un precioso autobús inglés de dous pisos que percorrerá as diferentes rúas e prazas da cidade con divertidos obradoiros de cociña e actuacións musicais de balde para animar as xornadas de compras.

Ademais, desde o 2 ata o 31 de decembro en horario de 17:30 a 20:30 h, os pequechos e pequechas da casa tamén poderán desfrutar do Carrusel de cabaliños de 10 metros de diámetro que este ano estará ubicado na praza da Obradoiro. Estará pechado ao público os días 25 de decembro e 1 de xaneiro.

Non faltarán tampoio espectacular Belén da igrexa de San Fiz de Solovio e carreira de San Silvestre da tarde día 31 de decembro que percorrerá as principais rúas de Compostela ata chegar á rúa de San Francisco.

Centros Socioculturais

Durante a rolda de prensa, a concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, deu conta do programa ‘Vive o Nadal’, desenvolvida pola Rede de CSC e que propón unha oferta ampla e variada que engloba máis de 260 actividades culturais e de ocio para todas as idades nas que se espera que participen unhas 3.500 persoas.

Ademais das 185 prazas ofertadas no marco do programa ‘Cativadas de Nadal’ para nenas e nenos de entre 4 e 12 anos, co fin de facilitar a conciliación, a rede de CSC desenvolverá unha serie de obradoiros de balde para todos os públicos ao longo do mes de decembro e xaneiro.

Os mais pequenos e pequenas recibirán nos diferentes CSC a visita da apalpadora e da paxe do Nadal, acompañados por un contacontos, ou participar na iniciativa “Agasallo viaxeiro”, realizando un pequeno presente para un neno/a descoñecido doutro centro. O intercambio dos agasallos terá lugar en diferentes sesións de xogos que terán lugar en cada centro desde o 1 de decembro ata o 13 de decembro.

As actividades tamén saíran ás rúas coa celebración os días 3 e 27 de decembro dunha xincana e coa colocación nos barrios dos adornos creativos feitos polos usuarios e usuarias. O programa completarase coa instalación do mercado de intercambio de xogos e xoguetes na praza Aurelio Aguirre de Conxo, unha ruta en bicicleta o sábado 31 de decembro e una serie de espectáculos teatrais e de contacontos nos diferentes centros.

Ademais, como novidade, os usuarios e usuarias dos CSC farán a súa propia contribución ao tradicional belén cedido por José Uzal para a igrexa de San Fiz de Solovio. Trátase dunha maqueta colectiva e artística feita pola veciñanza desde os 45 centros socioculturais de todo o termo municipal.

Participación na cabalgata de Reis

“Cóntame unha cabalgata” é o lema escollido para esta visita das súas maxestades. Os contos clásicos e as personaxes que figuran na imaxinación da cativada, percorrerán as rúas de Compostela. Dende Conxo ata o Obradoiro adozarán esta tarde chea de ilusión e moita, moita maxia.

Así que se queredes axudar á comitiva a transmitir esta maxia, podedes anotarvos ata o 18 de Decembro ás 22:00 h a través do formulario de inscrición, nunha das seguintes modalidades de participación:

Paxes reais: farase un sorteo o día 20 de decembro no Teatro Principal das 9 prazas de Paxes Reais, con todas aquelas persoas inscritas. As e os aspirantes deberán ter idades comprendidas entre os 12 e 16 anos.

Voluntarias/os nos combos: as persoas que queiran acompañar as Maxestades nos diferentes combos temáticos poderán inscribirse mediante o formulario nesta modalidade. A organización contactará con elas para darlles as instrucións precisas da súa participación (hora, lugar, combo…). A cativada menor de 12 anos deberá ir acompañada por unha persoa adulta durante todo o percorrido.

Trens: Hai 120 prazas para subir nos trens que irán na cabalgata acompañando as carrozas. Estará aberto a todas as idades. A cativada menor de 12 anos terá que ir acompañada, as maiores de 12 que desexen viaxar sóas no tren deberán achegarse acompañadas dunha persoa adulta para que asine unha autorización antes de subir ao tren.

A organización da cabalgata contactará con todas as persoas inscritas para comunicarlles o resultado do sorteo e, de ser o caso, as instrucións ao respecto.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies