Compostela, 22 de setembro do 2022 – Esta semana comeza o programa de actividades para a mocidade “Noites alternas” impulsado polo concello de Santiago.
O programa ofrece distintas actividades nocturnas co obxectivo de “establecer relacións persoais saudables e construtivas, apoiar a prevención de hábitos de consumo de alcol e drogas e xerar dinámicas críticas, participativas e creativas”. “Noites alternas” está organizado pola concellaría de Educación e mocidade.
O programa, que se desenvolverá os xoves e venres ata o 2 de decembro, inclúe unha gran variedade de actividades espalladas pola cidade e contan coa colaboración de Xandobela.
Dinámicas de grupo, xogos, roteiros, obradoiros ou teatro configuran unha programación que comeza hoxe con dous obradoiros, un de iniciación á percusión afrobrasileira, no Centro Xove da Almáciga, e outro de tinxido de plantas e pigmentos naturais no local de Itaca.
Tamén esta noite representarase a obra “#consentido” de Oístes? Teatro na Biblioteca Ánxel Casal. Todas estas actividades comezarán ás 20:30 h.
Todas as accións programadas son de balde. As inscricións faranse semanalmente enchendo o formulario en liña dispoñible en itaca.gal e nas redes sociais, desde o luns anterior, ás 09:00 h. Como as prazas son reducidas, asignaranse por orde de inscrición.
Para que os contidos ofrecidos por Noites Alternas se adecuasen a demanda da xuventude, convocouse un convite para que as persoas e entidades interesadas puidesen presentar as súas propostas de actividades. Presentáronse máis de 100 por parte de 40 colectivos, segundo informou Nerea Couselo. Tanto a representante de Itaca, como o concelleiro Rubén Prol, esperan que esta edición teña tan boa acollida como as anteriores, e convidan a toda a xuventude a participar neste programa de lecer nocturno.