O Concello de Santiago aproba o primeiro Programa de xestión integral de colonias felinas. O obxectivo e o benestar dos actuais gatos de rúa e a súa desaparición dun xeito natural.

Compostela presentou en rolda de prensa o primeiro Programa de xestión integral de colonias felinas. Un programa aprobado na Xunta de Goberno local que tivo lugar este luns, a continuación da que a voceira do goberno, Miriam Louzao, e o concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, explicaron en que cosiste.
O novo plan deixa sen efecto o anterior Protocolo para a creación e mantemento de colonias de gatos aprobado en 2015. O aprobado é unha obriga que recolle a Lei 7/2023, do 28 de marzo, de protección dos dereitos e benestar dos animais e faise realidade despois dun proceso de consulta coas entidades sociais que traballan na xestión de colonias felinas en Compostela.
Tal e como explicou en rolda de prensa o concelleiro Xesús Domínguez, un dos obxectivos do programa é conseguir, a través do método CER/CEVR (captura – esterilización – vacinación – retorno), que a colonia felina desapareza, empregando para iso procedementos que cumpran os preceptos de benestar animal, saúde pública, onde se manteña unha convivencia respectuosa entre gatos e seres humanos, se leve a cabo un control da poboación adecuado e unha xestión ética.
Este programa permite desenvolver protocolos para as diferentes actuacións relacionadas coa xestión das colonias: captura e traslado, actuacións veterinarias, retorno, seguimento e control, alimentación e coidados, novas incorporacións, enfermidades infecciosas, partos ou nacementos, cadáveres de gatos integrantes da colonia.
No documento, inclúense os detalles da colaboración entre o Concello e as entidades locais para a xestión das colonias felinas e os gatos comunitarios. As medidas deben ir acompañadas de campañas de fomento da adopción, promoción da esterilización dos gatos domésticos e redución drástica do abandono.
Segundo detallou Xesús Domínguez, a aprobación deste programa de xestión integral de colonias felinas é “un paso máis dentro do traballo que estamos desenvolvendo arredor do benestar animal”. Ademais, o concelleiro de Dereitos dos Animais subliñou e agradeceu o labor das entidades colaboradoras e das persoas voluntarias coidadoras que fan o seu traballo de maneira altruísta.
O concelleiro de Sustentabilidade incidiu en que, respecto das colonias, o goberno municipal reforzou a implementación do método CER e emprega os medios do Refuxio de Bando para atender gatos feridos ou con intoxicacións.
O Concello tamén conta cunha partida específica no orzamento para casetas e alimentación e incrementou a achega ao Refuxio de Bando, un equipamento esencial na protección animal do noso concello.