Compostela, 7 de setembro do 2019 – Santiago acolleu a presentación de Camiño Escena Norte, proxecto de intercambio escénico con Euskadi, Asturias e Cantabria que traerá oito funcións a Galicia.
Camiño Escena Norte comezou o pasado día 2 cunha residencia, no Salón Teatro de Santiago, entre as compañías Urdime (Galicia) e El Callejón del Gato (Asturias) , que traballaron xuntas na coprodución dun espectáculo orientado á primeira infancia, que aúna a interpretación actoral, a manipulación e Títeres e obxectos.
Na presentación do programa estiveron presentes Belén Pichel, presidenta de Escena Galega, como promotora do proxecto; Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Juan Rivas, presidente do Consello Territorial da SGAE en Galicia; e Jacobo Sutil, director de AGADIC, alén das compañías implicadas.
O vindeiro 22 de setembro comezarán as funcións ao longo do Camiño Norte ata chegar a Santiago. Comeza ese día en Ribadeo, continúa en Mondoñedo, Lugo, Vilalba, Arzúa, Sobrado dos Monxes e remata en Compostela. Nestas localidades poderanse ver os espectáculos Ò Bojiganga de Teatro del Cuervo; Como ceniza blanca sobre una hoguera, de La Tejedora de Sueños; El viaje de Ulises, de Teatro Gorakada; La Novia del Viento, de Ábrego Producciones; Beatus, visiones del Apocalipsis, de Espacio Espiral; e Sagartu de Hika Teatroa. Todos de libre acceso ata completar aforo.
Mentres en Galicia poderemos ver estes espectáculos astures, cántabros e vascos, dúas compañías galegas amosarán as súas últimas producións nestes territorios: elas son Baobab Teatro, con Luppo, e A Panadaría, con Elisa e Marcela.
