Compostela, 20 de xaneiro do 2020 – O Grupo Municipal Popular de Santiago presentará no vindeiro Pleno Ordinario un rogo para que o Concello organice un acto de homenaxe para lembrar o 70 aniversario do accidente do autobús do club santiagués Iberia Sporting.
O vindeiro 29 de xaneiro de 2020 cómprense 70 anos do accidente no que perderon a vida cinco persoas. Un autobús que trasladaba ao equipo de fútbol compostelán Iberia Sporting, a disputar un partido en Carballo, incendiábase ao pouco de iniciar a súa viaxe, antes de abandonar as rúas do núcleo urbano.
Un forte impacto contra unha árbore, entre as rúas do Pombal e Galeras, facía que o vehículo comezara a arder. A maioría dos ocupantes do vehículo, xogadores case todos, conseguiron abandonar o seu interior e mesmo axudaron a saír a algúns dos seus compañeiros de viaxe, contando coa heroica colaboración de varias mulleres veciñas da zona que salvaron varias vidas poñendo en risco as súas.
A pesar dos esforzos e das accións valorosas, cinco persoas faleceron, outras resultaron feridas graves e practicamente ningún dos que viaxaban se libraron de queimaduras ou contusións. Aquel fatídico accidente causou un profundo pesar entre a poboación da cidade, especialmente no mundo do deporte, que mantivo na memoria durante moito tempo aquela grave traxedia.
Por iso e coa intención de lembrar aquel suceso, ás persoas que pereceron, ás que sobreviviron e a quen arriscaron a súa vida para salvar outras, o Grupo Municipal Popular presentará este rogo no Pleno de xaneiro.
