Compostela, 11 de marzo do 2024 – O Partido Popular de Santiago ven de propoñer a creación dun censo de locais comerciais baleiros en Compostela.
Segundo os populares o obxectivo do censo sería por unha banda abordar a problemática dos establecementos de Compostela sen actividade; e por outra contribuír á vitalidade e seguridade das zonas comerciais.
A concelleira Olaya Otero sinala que “na cidade estase a xerar unha desertificación comercial na que, a duras penas, sobreviven espazos afectados por unha desocupación crónica prolongada e os nacionalistas non parecen ter nas súas prioridades buscar solucións que arranxen esta situación”.
Desde esta perspectiva explican que apostan pola creación dun censo municipal de locais comerciais baleiros. Por iso, salientou, “levamos a Pleno unha proposta que se aprobou por unanimidade hai 3 meses pero a día de hoxe nada se sabe sobre a nosa iniciativa”.
Otero engade que “A nosa proposta susténtase na necesidade de proporcionar información detallada e actualizada sobre o estado dos locais dispoñibles en Compostela, as súas características e as actividades para as que están acondicionados”.
A popular remarca que “este censo pretende ser unha ferramenta que proporcione aos empresarios e autónomos, que queiran desenvolver a súa actividade en Santiago, unha maneira sinxela de atopar o local mais axeitado”. Así mesmo, incluiríase información sobre negocios que, sendo economicamente viables, están próximos ao peche por xubilación e así fomentar a remuda xeracional, evitando o cese da actividade e un novo local sen uso”.
Esta ferramenta pretende non só abordar a problemática dos establecementos sen actividade senón tamén, contribuír á vitalidade e seguridade das zonas comerciais.