Compostela, 16 de maio do 2023 – O Banquete de Conxo crece cada ano e a cuarta edición, celebrada esta fin de semana pasada, foi un éxito de publico e de organización.

A Festa do Banquete comezou no 2018 durante o mandato de Compostela Aberta e tras a pandemia volveu o ano pasado. Este ano creceu en número de actividades e participación, consolidándose xa como unha das citas do mes de maio que da paso á Ascensión.
O día grande, o domingo, o desfile “Ala van estudantes e artesáns” baixou desde o Toural ata a Praza de Conxo. Os obradoiros de roupa de época serviron para que se sumara máis xente que na edición anterior.
Xosé Lois Mouriño Couto e Lucía Perez Lemos foron os encargados de ler o pregón antes de dirixirse todos á carballeira para recrear o banquete orixinal e xantar. Unha comida marcada polos tradicionais brindis de convidados e veciños.
A foliada denominada “O serán da Fraternidade” rematou cun novo pregón de despedida da Festa, a cargo de Quique Alvarellos. Algunhas das novidades para este ano foron a implicación activa das agrupacións e asociacións do barrio de Sar e da parroquia de Villestro e tamén un posto de asesoramento e aluguer de complementos propios da vestimenta acaída do século XIX para estudantes, artesáns, obreiros, fidalgos, ou crego entre outros.
A Feira do Libro e o Mercado de Artesanía foron outro dos puntos de interese ao longo de toda a fin de semana, con público constante que bulía dun posto a outro. A Festa do Banquete foi todo un éxito e pensa xa na quinta edición.
Imaxes de Fernando España para Lindeiros






