A ausencia da alcaldesa, Goretti Sanmartín, na entrega á Princesa Leonor da Medalla de Ouro de Galicia, este luns en Compostela, abre unha polémica na que toda a oposición critica a súa postura

Case desde os tempos de Martiño Noriega como alcalde, Compostela está acostumada a vivir o mes de xullo e as Festas do Apóstolo con algunha polémica. Pode ser a habitual ausencia nos actos relixiosos, coherente nun estado laico pero sempre aproveitado pola oposición; nos primeiros meses de mandato foi a Alba de Compostela, agora integrada ao cen por cen; a presencia ou non de coches históricos no Obradoiro ou dos palcos de música… o caso é que sempre pasa algo.
En este 2025, este luns 14, a Princesa Leonor visita Compostela e recibirá a medalla de ouro de Galicia na sede da Presidencia da Xunta no Pazo de Raxoi. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, anticipou que non acudiría ao acto e a declaración foi a mecha perfecta para as críticas da oposición.
Goretti explica que as Medallas de Galicia son o máximo recoñecemento da comunidade a quen fixo algo pola nosa terra e que, en este caso, trátase “dunha persoa que non fixo nada por Galicia”. A alcaldesa engade que acudir é “blanquear unha institución cuestionada pola sociedade”.
Oposición unánime
O PP, que lidera a oposición, considera que hai unha falta de respecto cara a cidadanía e lembra que a alcaldesa debe gobernar para todos. Así o expresaba Borja Verea. “Aínda que goberne con 6 concelleiros de 25, non pode esquecer que non só goberna para os seus; e con este tipo de accións, o que demostra Sanmartín é que está moi lonxe de ser a alcaldesa que unha cidade universal como a nosa merece. Porque gobernar é representar a todos, non só aos que pensan como un mesmo. Santiago é moito máis que ideoloxía: é hospitalidade, é respecto polas súas institucións, é memoria e é futuro. Apelo á maioría silenciosa dos composteláns e compostelás: esa maioría que non grita, pero que sabe que a convivencia se constrúe con respecto, non con desplantes nin sectarismo. Hoxe, máis que nunca, debemos defender o que nos une, fronte ao que no separa”.
O voceiro do PSdeGA, Sindo Guinarte, segue unha liña parecida e engade a vinculación da alcaldesa co BNG, dándolle un tinte aínda máis político á crítica “a que parece vai a ser a ausencia, unha vez máis, da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín nun acto institucional o vindeiro luns non é un comportamento propio da alcaldesa da nosa cidade que representa a toda Corporación Municipal e que representa o conxunto da cidadanía de Santiago de Compostela. A decisión de Sanmartín máis ben parece un acto propio dun militante ou dunha militante do BNG e de quen van facer un escrache á porta de Raxoi”.
E dentro dos non adscritos postura similar. Os ex concelleiros do PSdeGA aportan un dato máis xa que segundo din a alcaldesa confirmara a presencia e rectificou a última hora. Gonzalo Muíños, que segue exercendo funcións de voceiros dos catro non adscritos, di que “nin é serio nin é admisible que actúe como unha emisaria do BNG. Está presa da súa asemblea; rectificando a última hora a súa asistencia, despois de tela confirmada, polas directrices que lle chegan do seu partido”.
O certo é que este tipo de debates adoitan vir ben nunha época na que as novas comezan a escasear. A monarquía sempre é útil para titulares e debates que nunca chegan ao fondo da cuestión. A partir da tarde de este luns todo comezará a calmarse e comezaremos a falar das Festas do Apóstolo que comezan o xoves.
