A socialista Marta Abal culpa ao goberno municipal de permitir que algúns nenos vaian a clase sen tomar o almorzo. Abal reclama “flexibilidade” para que os nenos teñan máis opcións no almorzos.
O Psoe local mandaba onte unha nota de prensa na que recriminaba ao goberno local “que haxa nenas e nenos subindo á clase sen almorzar” e pechaba dicindo que era algo “impresentable”. O servizo de madrugadores o xestiona unha empresa externa e o que fixo foi aplicar os pregos do contrato de xeito estritono que respecta aos almorzos,

Abal explica na nota de prensa que a empresa deixou de prestar o servizo “do xeito habitual”. A concelleira refírese a que usualmente ofrecíanse pezas de froita ou sobremesas alternativas , non perecedoiras, das que ían sobrando. Ao deixar de facelo “algúns nenos van a clase sen almorzar”.
Abal recoñece que os almorzos previstos “son moi saudables, están ben pensados [] pero isto nunca debe ser escusa para enviar nenos/as sen comer” e engade que é ao goberno local a quen lle corresponde a interpretación dos pregos.
Postura do goberno municipal
Ante estas declaracións o goberno local enviou un comunicado no que aclaraba o sucedido. Comezaba explicando que “A ANPA e a dirección do CEIP de Roxos convocaron á empresa a unha xuntanza (á que non convocaron ao Concello) na que denunciaron non estar cumprindo os pregos nos menús do almorzo”. Tras a reunión enviouse unha queixa por escrito a empresa e concello.
O goberno recoñece a flexibilidade que existía ata ese momento. Cando certos nenos non querían o almorzo que correspondía ese día, ofrecíase froita ou leite “intentando respectar os catro grupos que hai de lácteos, froita fresca, cereal e complemento”.
Tras a reunión e a queixa por escrito a empresa decidiu paralizar a “flexibilización” e ordenou que se deran os menús de xeito estrito. Os pregos do contrato recollen a posibilidade por parte da empresa de introducir cambios no xantar pero non nos almorzos.
O goberno local explica que está “facendo as xestións oportunas para dar unha solución a este conflito (xerado por decisións externas ao goberno) dentro do que marcan os pregos”. Ao mesmo tempo aseguran que a concelleira socialista Marta Abal estivo informada en todo momento.
O comunicado do goberno local acusa a Marta Abal de ser “pouco responsable” xa que a concelleira “sabe que as crianzas teñen ao seu dispor un almorzo completo todos os días e fai unhas declaracións que poden xerar unha inxustificada alarma social”.