Compostela, 11 de maio do 2023 – O concello de Compostela aprobou nun pleno extraordinario o destino dos remanentes de tesourería do ano 2022.

Son máis de sete millóns de euros de remanentes que se destinaran ao pago de gastos correntes como a luz ou o transporte urbano, así como á realización dunha serie de investimentos no ámbito urbano e rural.
A concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal, detallou o modificativo de crédito de 7.255.699,73 € que “será financiado integramente con remanente líquido de tesourería”. Unha partida de 4.434.864,01 de euros “fará fronte a gastos correntes procedentes de obrigas do ano pasado e sobre todo aos custes derivados do incremento dos prezos da luz polo proceso inflacionista”, ao que corresponde o importe máis elevado, de 2.311.971,47 €.
Tanto nos días previos como na sesión todos os grupos da oposición criticaron o feito de que os remanentes se levan a pleno sen consensuar o seu destino. Tanto PP, como Compostela Aberta como BNG explican que o feito de que os remanentes sirvan para pagar facturas pendentes obriga a non votar en contra “non se pode prexudicar aos provedores pola falta de diálogo do equipo de goberno”.
Ramón Baltar, fillo predilecto da cidade
O Pleno municipal aprobou a declaración institucional para nomear ao doutor Ramón Baltar Domínguez, fillo predilecto da cidade a título póstumo. Médico e director hospitalario da nosa cidade, a declaración destaca tanto a súa “altura técnica e científica como cirurxián, que atraía pacientes desde distintos lugares do estado” como “a súa insistencia na defensa do carácter humanitario da Medicina”.
A declaración refírese a Ramón Baltar como “un exemplo de militancia cívica, comprometido coa loita pola democracia nos momentos máis difíciles e acollendo e protexendo a vítimas da ditadura” e recoñece o seu labor como “protector de artistas” e a súa participación en “proxectos de reconstrución da cultura galega na posguerra, como a recuperación da casa de Rosalía de Castro e o Padriado Rosalía de Castro, do que foi conselleiro”. Tamén foi historiador da Escola Médica santiaguesa, publicando varios ensaios sobre a historia dos hospitais da cidade e traballos científicos de cirurxía.
Consello municipal da cidade histórica
O Pleno municipal acordou a creación do Consello Municipal da cidade histórica, órgano colexiado de participación para a consulta, asesoramento, proposta e seguimento das accións encamiñadas á conservación patrimonial, promoción e representación dos intereses colectivos das persoas que residen na zona vella.
Este Consello está integrado pola presidencia, dúas vicepresidencias; as vogalías, e a secretaría. A presidencia ocuparaa aquela persona que ostente a alcaldía de Santiago. Unha das vicepresidencias corresponderalle a persoa titular da concellaría de Cidade Histórica, e a outra será desiganda polo Consello a proposta da presidencia. Na vogalía estarán representantes dos grupos políticos da Corporación municipal; do Consorcio da Cidade de Santiago; da USC; do Colexio Oficial de Arquitectos; e das asociacións veciñais, de comerciantes e culturais da cidade histórica.
Serán funcións deste Consello canalizar a participación comunitaria, nas materias que conforman o seu ámbito de actuación e o asesoramento, elaboración de propostas de actuación e seguimento da súa execución.
Entre os dereitos e obrigas dos membros do Consello figuran: propor asuntos para incluír na orde do día das sesións, participar nos debates das sesións, formular propostas en relación cos asuntos fixados na orde do día, exercer o seu dereito ao voto e formularen votos particulares, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican ou formular iniciativas, preguntas e suxestións, etc.