Compostela, 13 de setembro do 2022 – O pleno extraordinario celebrado no concello de Santiago aprobou a modificación do Plan Xeral de Ordenación Urbana e deixou para máis adiante o modelo de xestión do ciclo da auga.
A sesión serviu tamén denegou os cambios no imposto de plusvalías que terá que volver a pleno para adaptarse á lei nacional. O pleno si aprobou o Plan de Acción Local que forma parte da Axenda 2030 e dous expedientes de crédito para pago de facturas.

Plan Xeral de Ordenación Urbana
Os cambios aprobados teñen como obxectivo preservar o uso residencial nas vivendas da cidade por diante do turístico. A sesión estivo marcada polo debate en torno ás Vivendas de Uso Turístico do que xa temos falado en Lindeiroshttps://lindeiros.net/comppostela-vivendas-uso-turistico/.
As posturas mantivéronse e tanto BNG como Compostela Aberta pediron que se seguira mellorando o texto definitivo. O PP foi moi crítico cargando contra a modificación pero esquecendo que as competencias en vivenda son da Xunta, como lle lembrou o goberno municipal. O Plano sacou adiante a proposta co único voto en contra do Partido Popular.
A partir da súa publicación no DOG e durante o prazo de 2 meses, todas as persoas que o desexen poderán formular as alegacións oportunas sobre os cambios propostos tras unha primeira exposición pública sobre o documento aprobado de forma inicial en marzo 2021. Unha vez pechado este prazo e revisadas todas as novas alegacións, elaborarase un documento actualizado no que se integran as modificacións para proceder a continuación á súa aprobación provisional.
Axenda urbana 2030
Na sesión a Corporación municipal tamén deu luz verde ao Plan de Acción Local da Axenda Urbana Española do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela. Este documento é o resultado dun proceso participativo liderado polos profesores universitarios María Cadaval e Santiago Lago, na que cidadáns, axentes sociais e culturais e grupos políticos puideron achegar as súas contribucións a través de diferentes canais. O Plan aprobado está estruturado en 6 áreas temáticas estratéxicas, que definen 25 obxectivos específicos e 39 liñas de actuación e poderá ser completado no futuro, xa que non se trata dun documento pechado.
Imposto plusvalías
O equipo de goberno levou a pleno a modificación do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana. Uns cambios necesarios polos cambios producidos na lexislación a raíz dunha sentenza do supremo que recoñece que non se pode aplicar o imposto se non hai dota plusvalía.
O BNG abstívose e Compostela Aberta pediu que se retirara para poder incorporar bonificacións en distintos ámbitos como por exemplo os terreos que teñen usos considerados de interese municipal. O PP criticou que non se sentaran a negociar con eles.
Tras un debate sobre si o valor catastral, e os impostos derivados, son máis ou menos en Compostela, a modificación non saíu aprobada ao votar en contra PP e CA.
Expedientes de crédito e modelo de xestión da auga
O pleno aprobou tamén dous expedientes de modificación de crédito destinados a pagar facturas. Por outra banda chegaba a pleno a proposta sobre o cambio de modelo de xestión do ciclo integral da auga. Como xa se esperaba os distintos grupos mantiveron as posturas e excepto o Psoe, grupo de goberno, o resto da corporación votou en contra co que a cuestión quedará para a seguinte lexislatura.
Festas locais
Tamén saiu adiante por unanimidade a proposta de días festivos locais para o ano 2023, en concreto, o día da Ascensión que se celebrará o 18 de maio e San Roque, o 16 de agosto.
Pleno completo en Youtube