Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Compostela
  • Xeral

Peleteiro non pasa a oposición e segue sen conseguir a praza

O Pleno Municipal de Compostela debateu o proxecto para a parcela do antigo Colexio Pelteiro que finalmente decaeu.
Compostela-pleno-proposta-Peleteiro-slide-normal-21-decembro-2022_r

Actualización, 23 decembro do 2022 – A Asociación Raigame, que encabeza a plataforma que se opoñia ao proxecto levado a pleno, pide que “Polo ben a Zona Nova, da Cidade e da súa cidadanía pedimos que se baixe o tono de reproches e discusións sobre o Asunto Peleteiro“.

Pide ademais, nun comunicado emitido esta mesma mañá, que se cree unha comisión que levan tempo pedindo sen conseguir. Estaría composta por representantes de Raigame, técnicos municipais, repesentantes do concello e da propiedade.


Compostela, 22 de decembro do 2022 – O proxecto Peleteiro volvía un ano e oito meses despois ao pleno de Compostela e unha vez máis non pasaba a oposición que lle daría praza.

En este caso o proxecto Peleteiro atopouse cun tribunal moi parecido ao do 2019 pero sentado en sitios distintos. Quen marcara o suspenso daquela promovía agora o aprobado, aínda que con poucos esperanzas.

Máis alá de metáforas, o certo é que os grupos políticos da corporación de Compostela teñen pendente dar explicacións realistas de porque fracasou de novo o proxecto. Cando hai uns meses a diferencia se medía en metros agora semellan estar todos a kilómetros.

Comunicados

Todos os grupos emitiron tras a sesión comunicados sobre o sucedido. O Partido Popular volve a falar de economía e considera unha boa nova que non se aprobara o que cualifican de “pelotazo urbanístico”

O Partido Popular de Santiago, con Borja Verea á cabeza, foron firmes sempre na súa posición sobre a parcela Peleteiro. Manifestaron desde o primeiro día a súa oposición a un pelotazo urbanístico no que o protagonista ía ser o ladrillo, e non as necesidades dos veciños do Ensanche. Grazas a esta firmeza o centro de Santiago volve ter unha oportunidade para recuperar a súa vitalidade e dotar de servizos básicos aos veciños da zona.

O Psoe pola súa banda culpa á oposición co mesmo argumento que no 2019 os acusaron a eles “intereses electoralístas”

A oposición do Partido Popular, de Compostela Aberta e do BNG decidiu frear por intereses partidistas, retirando a mirada do proxecto e poñéndoa no único que importa a esta oposición: as eleccións. Así as cousas, lamentamos que unha oposición desleal coa cidade e instalada na precampaña, xogue co futuro do Ensanche e obrigue aos veciños e veciñas da zona a convivir cun edificio en mal estado durante máis anos.

Compostela Aberta non perdeu a ocasión de lembrarlle ao alcalde o sucedido no 2019 e pediulle que se desculpara ademais de pedir que se retomen as súas ideas

Compostela Aberta pediulle a Bugallo que asuma o seu fracaso na Operación Peleteiro, que prometeu ter resolta con consenso en só tres meses, e que pida desculpas por ter enganado á veciñanza e mesmo por ter gastado recursos públicos en informes que lle dixeron que a proposta de CA de 2019 era a mellor das posibles”. Duarte concluiu recordando que CA puxo sobre a mesa outra proposta “que sí tiña o apoio da veciñanza”, con cadansúa abertura de 30 metros cara as rúas República Arxentina e San Pedro de Mezonzo, e invitou ao Goberno a reestudala

Finalmente o BNG falou na súa nota da inseguridade xurídica do proxecto e da falta de acordo cunha parte da veciñanza

Independentemente de que desde o BNG non concordamos coa proposta da propiedade de subir a altura da edificación, si xulgamos que traer este acordo e plasmalo nun convenio dotaría esta proposta de maior seguranza xurídica e despexaría incertezas. Caermos nunha espiral de alegacións e enfrontamentos, que poden rematar en recursos, non é xustamente comezar con bo pé.

Non é doado explicar como un proxecto fundamental para a cidade, segundo as propias declaracións dos políticos, non poida nunha lexislatura completa atopar o consenso necesario. Enténdese menos cando no 2019 ese consenso si parecía existir. Os grupos políticos de Compostela terán que repetir curso e chegar á seguinte oposición non confiando en que lles caerá o que estudaron e con todo ben repasado. De non ser así Santiago seguirá sen praza.


O pleno dixo non

Compostela, 21 de decembro do 2022 – O pleno municipal de Compostela levou hoxe a pleno a aprobación inicial a  modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) no ámbito do PERI-12. Antigo colexio Manuel Peleteiro.

Chegábase cun consenso amplo pero non total. A plataforma que reúne a dez comunidades de propietarios das rúas República Arxentina, San Pedro de Mezonzo e Alfredo Brañas daban unha rolda de prensa este martes na que denunciaban a falta de información e advertían de que si se aprobaba sen consenso poderíase acabarse de novo nos tribunais.

Como xa contamos en Lindeiros no 2005 aprobouse unha modificación que catro anos despois foi anulada polos tribunais. No pleno de hoxe interveu o voceiro da plataforma, Xosé Manuel Durán, que dixo que non se debería aprobar se non hai unha seguridade xurídica. Foi moi crítico coa actitude do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, por reunirse varias veces coa propiedade (un fondo inversión americano) e ningunha con eles. Pediu ademais que non se aprobara sen consenso. Esta foi a súa intervención

Tamén falou antes do pleno José Antonio Seijas en representación das asociacións de comerciantes. Dixo que era urxente sacar adiante a reforma e que entendía que certos particulares tiveran outros intereses pero que cría que a que se levaba a pleno era a mellor solución. Esta foi a súa intervención.

O punto comezou coa primeira intervención da concelleira de urbanismo, Mercedes Rosón, que fixo un repaso aos distintos momentos previos antes de chegar ao pleno. Lembrou ademais que de xeito excepcional creouse unha comisión mixta na que estiveron todas as partes afectadas. Rosón rematou dicindo que o goberno local consideraba que esta era a mellor das propostas posibles.

O concelleiro non adscrito, Javier Fernández, dixo que estará sempre cos veciños e reservou o seu voto para a segunda intervención.

Polo BNG a voceira Goretti Sanmartín dixo que os cambios que se foron producindo melloraron o proxecto pero lembrou tamén que hai catro anos foi o Psoe o que paralizou o desenvolvemento. Engadiu que a proposta chega con menos consensos que as anteriores e que ademais chega ao pleno incompleto por non existir un convenio asinado coa propiedade. Rematou pedindo que quedara sobre a mesa para que chegue co maior dos consensos posibles e , de seguir adiante, o BNG se abstería.

Jorge Duarte falou en representación de Compostela Aberta e comezou lembrando da aprobación do 2005 que posteriormente foi anulada. Tamén lembroulle ao alcalde que hai catro anos “fixo unha chamada para que o Psoe bloqueara unha proposta consensuada”. Duarte dixo que a promesa do alcalde fora traer a pleno unha proposta consensuada con todas as partes e que iso non era o que hoxe se debatía. Rematou a primeira intervención sen avanzar o voto do grupo.

José Antonio Constenla polo PP dixo que as presas só se explican por un afán electoralistas. Tamén repetiu que non tiña consenso das partes e o voto contrario do Partido Popular. Cualificou a proposta de “urbanismo a la carta” xa que buscaba o consenso da propiedade. Finalmente abordou o tema da plusvalía e dicir a valoración que o proxecto fai dos baixos e vivendas e que, segundo eles, están desfasadas. Rematou defendendo a idea de que a mellor solución era que o concello mercara o espazo.

Rematou a primeira quenda o voceiro socialista, Sindo Guinarte. Comezou lembrando que o Partido Popular gobernou durante catro anos sen facer nada en este tema e cualificou a actitude de “cínica”. Dixo tamén que se votaría un proxecto que ten un amplo consenso e que chegaba co aval dos técnicos municipais. Tamén recoñeceu que posiblemente ninguén estaría satisfeito ao cen por cen e que iso quería dicir que se fixera un bo traballo. Rematou dicindo que non había motivos obxectivos para votar en contra da proposta.

Na segunda quenda mantivéronse as posturas da primeira intervención. Chegouse a este punto co voto contrario do Partido Popular, a abstención do BNG e o voto favorable do Psoe.

Antes das votacións o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, interveu para lembrar que no 2005 aprobouse por unanimidade. Dixo que a posibilidade de que chegue aos tribunais sempre existe e que a proposta era a mellor das posibles.

Finalmente as abstencións de Compostela Aberta, o concelleiro non adscrito Javier Fernández e a xa anunciada do BNG fixeron a que a proposta decaera ao ser necesaria a maioría absoluta.

A continuación enlace ao vídeo do pleno

Post navigation

Previous: Investimento millonario en estradas da bisbarra
Next: Denegan licenza para vertidos de augas residuais á mina de Varilongo en Santa Comba

Máis novas

no adscritas sabugueir labacollla 9 de outubro do 2026
6 minutes read
  • Xeral

Críticas ao PIA de Sabugueira, en Compostela

composyela transitos fest 9 outubro 2026
4 minutes read
  • Xeral

Tránsitos Fest

USC LEGO SERIOUS PLAT 8 DE OUTUBRO DO 2026 (1)
2 minutes read
  • Xeral

Emprender xogando con Lego e a USC

AMES CONTRATO DE MANTEMENTO DE LUMINARIAS 8 DE OUTURBRO DO 2026
4 minutes read
  • Xeral

Ames presenta o novo servizo de mantemento do alumeado público

compostela reapertura museo de maxia 18 novembro 2025 (1)
3 minutes read
  • Xeral

O Museo da Maxia de Galicia crea unha Escola de Maxia 

brion orzamento 07 outubro 20026
3 minutes read
  • Brión

Brión quere aprobar hoxe o orzamento máis alto da súa historia

touro visitas patrimnio slide 7 outubro 2026
2 minutes read
  • Xeral

Touro descobre o seu patrimonio oculto

amea maxia sñide 7 outubro 2026
6 minutes read
  • Xeral

XXI Festival Internacional de Maxia de Ames

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2085) Ciencia (115) Comercio e empresa (665) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2818) Curtocircuito (40) Deportes (750) Economía (450) Educación (777) eleccions (48) Emprego (244) Entroido (42) Festas e Feiras (622) Festivais (837) Galego (146) Institucións (1439) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1622) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (824) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (736) Politica (949) saúde (533) Servizos (2699) sindicatos (109) Social (563) sucesos (133) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (702) Turismo (223) Universidade (586) urbanismo (264) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

We use our own and third-party cookies to ensure the website works properly, measure usage, and improve our services. You can accept all cookies, reject non-essential cookies, or configure your preferences. Cookie policy

Configure cookies

Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.

Help measure site usage and improve its content.

Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.

Store preferences or enable non-essential external content.