Compostela, 1 de decembro do 2023 – Si se aparta o ruído e as palabras grosas, o pleno municipal ordinario de Santiago só serviu para ratificar as posturas dos distintos grupos sobre os temas de actualidade na cidade.

Unha das últimas batallas retomadas pola oposición foi a da Casa da Xuventude. O pleno non deixou ningunha novidade xa que o BNG reafirmouse na intención de derrubala para “abrir Belvís á cidade”, Compostela Aberta asegurou que “nunca apoiaría o derrubo da Casa da Xuventude” e na oposición o Psoe reclama que se retome o convenio coa Deputación. O PP mentres insiste na división entre os socios de goberno mentras espera a que chegue algunha proposta ao pleno que o obrigue a posicionarse ao lado do BNG, e derrubar o edificio, ou ben elixe outro camiño que, de ser así, terá que explicar.
Radar de Conxo
A intención do Partido Popular de retirar o radar de Conxo non saíu adiante e, como xa se avanzara, seguirá funcionando aínda que se mellorará toda a sinaléctica que advirte aos condutores e estudarase o marxes que implican a imposición de sancións.
O que si se fará é unificar a limitación a 50 quilómetros por hora xa que agora hai dúas limitacións de 40 e 50. Ademais a sinal que advirte da existencia do radar colocarase antes para dar máis tempo á adecuación da velocidade aos límites.
Finca do Espiño
Si coincidiron todos os grupos na protección da contorna da finca do Espiño cunha modificación do PXOM. O pleno aprobou de maneira inicial a modificación puntual do Plan Xeral e do PE-1 que suprime o aproveitamento lucrativo previsto na parcela privada de 8.012 m2 situada no perímetro da Finca do Espiño.
Esta finca privada na contorna ten na actualidade unha cualificación que permite a edificabilidade con usos como o asistencial, sociocultural, sanitario, hoteleiro e residencial comunitario. O que se pretende con esta modificación e seguinte do PXOM é eliminar eses usos contemplados no 2004 para preservar a contorna da Finca do Espiño.
Declaracións institucional
O Pleno aprobou tamén de xeito unánime unha declaración institucional para apoiar a equiparación real e efectivamente das persoas menores en acollemento familiar á condición de “fillo/a” e o recoñecemento de familias de especial protección ás familias acolledoras.
O acollemento familiar é un recurso social que proporciona unha familia alternativa á de orixe a aqueles nenos e nenas ou adolescentes que, por diversas razóns, non poden convivir coa súa, evitando a institucionalización de crianzas e adolescentes cuxos pais, por circunstancias persoais ou sociais, non poden facerse cargo deles e pasan a ser tutelados pola Administración por un período de tempo temporal ou permanente.
Con este acordo, o Concello de Santiago comprométese a actualizar a normativa municipal para establecer expresamente a equiparación real e efectivamente, para todos os efectos administrativos, a menores en acollemento en calquera das súas modalidades durante o tempo que o/a menor se atope baixo acollemento familiar.
Por outra banda o Pleno apoiou de xeito unánime unha declaración institucional para o cumprimento da Iniciativa Xabarín na que se reclama o incremento de contidos infantís e xuvenís en galego nas televisións públicas. Impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, a iniciativa Xabarín foi aprobada por unanimidade no Parlamento Galego en 2021, co apoio de máis de 33.000 sinaturas. Neste texto, solicítase á CRTVG o incremento da oferta en galego destinada á infancia nas canles dixitais, plataformas e aplicacións. Esta iniciativa tamén solicita aos gobernos estatal e rexional a promover as medidas precisas para garantir a opción dobrada e lexendada a galego en todas as plataformas dixitais de televisión entre outras demandas.