O pleno do concello de Santiago aprobou o pago das horas extras a policía local e bombeiros coas abstencións dos non adscritos e do Partido Popular.

Cando se roda unha película os extras sempre queren destacar. É unha oportunidade de mostrarse diante de alguén que no futuro pode ser de moita axuda. No pleno extraordinario ( que se pode ver íntegro aquí ) celebrado e Santiago este venres os e as extras foron protagonistas.
O pago de 2.172.487,76 € en horas extras á policía local é bombeiros saíu adiante coas abstencións dos non adscritos e do PP, e o apoio do PSdeG, BNG e Compostela Aberta. O Partido Popular recoñecía que tiñan que ser incoherentes xa que os informes de intervención son negativos, os non adscritos queixábanse de que non se negociou con eles.
Se non existira a abstención tanto non adscritas como PP votarían a favor, ningún deles nega que se teñan que pagar as horas extras e son conscientes que no caso de gobernar este problema aparecería antes ou despois, como xa sucedera no 2019 cando precisamente Gonzalo Muíños era o responsable e quen preguntaba era Compostela Aberta, algo que se pode ver acudindo á hemeroteca.
Por suposto ninguén critica a bombeiros e policía local porque fan máis do que deben, iso é unha realidade. A pregunta é porque isto non pasou en xaneiro cando xa acumulaban dous meses de retrasos, ou en febreiro, marzo, abril ou maio?.
Unha escena repetida
No final do mandato como alcalde de Martiño Noriega a policía local negabase a facer horas extras e reclamaba un complemento por traballar fins de semana e festivos. O conflito resolveuse coa chegada de Bugallo que aceptou a petición.
No verán do 2020 repetiuse a protesta xa que o complemento aceptado por Bugallo para a policía local foi rexeitado na mesa de negociación, outro sindicato reclamaba máis persoal en vez de máis cartos.
Na actualidade sucede algo moi similar, bombeiros e policía local queren cobrar as horas extras, lóxico, pero queren tamén mellorar as súas condicións de traballo, tamén razoable.
O pleno eixou claro que o problema non é unha cuestión de xestión porque o que provoca a situación e o que, en gran parte, ten a capacidade de resolvela son tanto policía local como bombeiros.
Non se pode negar que é curioso que o conflito anterior comezara con Martiño Noriega na alcaldía, se resolvera con Sánchez Bugallo, e non volvera a aparecer ata estar na alcaldía Goretti Sanmartín. Será que ademais dos políticos, os xuíces, algúns xornalistas e quen sabe cantos máis, os sindicatos tamén fan política? Non o creo, seguro que teñen boas razóns para escoller os tempos.
Manel Pardo
