займ срочно

Compostela aproba os orzamentos en pleno

0

Compostela, 8 de febreiro do 2024 – Pleno de trámite en Compostela para aprobar os orzamentos 2024 cos votos a favor do BNG, PSdeG Psoe e Compostela Aberta e a oposición do Partido Popular.

Os orzamentos anuais de Compostela supoñen unha contía total de máis de 142 millóns de euros. A alcaldesa, Goretti Sanmartín dixo que o obxectivo é “poñer as persoas no centro con políticas de vivenda, de igualdade, sociais educativas e de sustentabilidade que recuperen o espazo para a xente e o doten de servizos”.

Sanmartín tamén agradeceu o traballo conxunto dos grupos políticos e polo esforzo realizado polo Servizo Económico do Concello para elaborar e sacar adiante estes novos orzamentos que “non inclúen subas dos tributos municipais e buscan a mellora da execución do gasto”.

Cifras globais

Os orzamentos de Compostela crecen un 9,70 por cento con respecto ao anterior de 2022. O orzamento consolidado co Auditorio de Galicia e coas empresas municipais TUSSA e INCOLSA ascende á contía de 145.773.180,24 euros en ingresos, e de 145.726.134,87 euros en gastos e cun superávit de 47.045,37 euros.

O concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César, recordou que a elaboración destes orzamentos “non foi fácil” debido a existencia dun orzamento prorrogado e ao aumento dos gastos municipais debidos ao proceso inflacionista.

No ámbito dos ingresos, reiterou a aposta do Concello por “non acrecentar as bases impoñíbeis, nin os tipos impositivos dos tributos municipais” así como optar por unha “recadación máis eficiente dos ingresos e un maior control do gasto”. A continuación, fixo un repaso polas liñas principais.

Servizos públicos de calidade

Manuel César salientou a aposta do Goberno municipal por reforzar os servizos públicos co obxectivo de favorecer a “igualdade de oportunidades e a participación da veciñanza en actividades culturais, sociais e deportivas” así como a mellora da “calidade de vida” das persoas.

Na área de gasto de servizos básicos, o edil destacou “o incremento de 216,93% para o abastecemento domiciliario de auga potábel” que estará centrado no rural “coa instalación de depuradoras ecolóxicas e a rehabilitación e a ampliación da rede de saneamento e bombeo”.

Os servizos básicos tamén recollen partidas para a recollida e xestión de residuos (7.260.924,43 euros), limpeza viaria (4.963.499,52 euros), así como o incremento dun 26,59 % na partida destinada ao alumeado público (4.796.382,72 euros) e dun 25’96% nos fondos para o servizo de mantemento e conservación dos parques e xardíns (3.774.712,33 euros).

O contrato do Servizo de Axuda no Fogar contará cun crédito inicial de 5.553.657,10 euros, dos cales 3.729.600,53 corresponden á licitación do novo contrato. Tamén se destinarán partidas para os novos contratos de servizos de conserxería e limpeza nos CEIP (1.427.000 euros), en varias instalacións deportivas municipais (875.480,54 euros) e nas pistas deportivas exteriores (346.334,34 euros).

Políticas sociais, culturais e de igualdade para a maioría

Destinaranse 1.625.316,31 euros á posta en marcha dun plan anual de conciliación para as familias con nenos e nenas en idade escolar e para o servizo de madrugadores e comedores escolares. Tamén se asigna 448.000 euros para un plan piloto de comedor con cociña no propio centro escolar, unha “demanda histórica da comunidade educativa”, detallou o edil.

As políticas de Igualdade, concibidas cun criterio de transversalidade con partidas para varias áreas, representan o 2,2% do presuposto, e o programa Compostela Decide de Mocidade para a definición dos Orzamentos Participativos, contará con 100.000 euros para actividades formativas e de sensibilización.

Os orzamentos recollen tamén unha partida de 35.000 euros para a creación dun Servizo de Asesoramento LGBTI en materia de diversidade afectivo-sexual, e outra de 157.000 euros para un plan de recuperación da memoria histórica e democrática.

Transformación urbana e mellor acceso á vivenda

O concurso de ideas para o proxecto de transformación urbana entre o Campo da Estrela e os Basquiños prevé unha partida de 250.000 euros. Neste ámbito tamén se dedicarán fondos á mellora da accesibilidade (100.000 euros), ao reforzo da seguranza viaria (523.121,13 euros) así como á creación dun plan de mantemento dos parques infantís, cun orzamento de 412.086,70 euros.

Para atender o dereito á vivenda, prevese a ampliación do parque de vivenda pública coa adquisición e rehabilitación de inmóbeis para vivenda en alugueiro. A partida destinada é de 1.048.070,34 euros.

Sustentabilidade e territorio

O Goberno municipal aposta polo desenvolvemento dun plan de abastecemento e saneamento do rural (2.972.924,66 euros), que se suma aos conveniados coa Xunta; un plan de drenaxe e de novas canalizacións para reducir os asolagamentos por chuvias (222.553,16 euros); actuacións de renaturalización e mellora da biodiversidade (1.546.710,03 euros) e a recuperación do palacete do Espiño e da zona verde da súa contorna (500.000 euros).

Co obxectivo de mellorar a cohesión territorial, porase o foco na execución da plataforma loxística de transportes (2.181.309,04 euros) e a implantación de novos Colecamiños (18.000,00 euros).

Para cumprir os compromisos adquiridos no Pacto polo Rural destina unha dotación económica de 4.375.147 euros, “cunha porcentaxe superior a 3 por cento, o que é un feito histórico” sinalou o concelleiro.

Esforzo investidor

Neste ámbito inclúense os proxectos de reurbanización das rúas García Lorca (250.000 euros), Ponte da Raíña (500.000 euros) e Mallou (685.074,67 euros), ou a reforma da Praza de Abastos, cunha partida de 530.000 euros.

Tamén se prevé un plan plurianual de rehabilitación dos centros socioculturais e outro plan de mellora de instalacións deportivas e das pistas exteriores, así como as rehabilitacións previstas para os polideportivos de Vite (207.599,37 euros) e Santa Isabel (1.048.032,20 euros), cunha achega municipal do 25,91%, e as melloras nas instalacións de diferentes campos de fútbol cunha partida que ascende a 235.919,19 euros.

Mellor gobernanza e modelo de cidade

Os orzamentos recollen varias partidas por un importe total de 2.587.200 euros para o Plan estratéxico 2024-2029 que busca impulsar un novo modelo turístico consciente e sustentable e a posta en marcha da chamada taxa turística.

Outro dos eixos fundamentais é a reestruturación e modernización da Administración municipal, coa transformación de prazas, oferta de emprego e dixitalización de procedementos. Neste sentido, o concelleiro salientou que “por primeira vez é aplicada unha taxa de reposición de 110 por cento sobre as vacantes que se teñen producido” o que permitirá un aumento de 8 prazas a respecto de 2022.

O capítulo I de gastos de persoal experimenta un incremento de máis dun 13%, que inclúe as partidas para amortizacións e creacións de novas prazas (528.420,36 euros) e para a homoxeneidade retributiva (461.868,05 euros). Tamén recolle partidas destinadas á adecuación dos postos de traballo ao novo cadro de persoal do ano 2024 (232.130 euros), programas específicos excepcionais e por acumulación de tarefa ou por baixa de incapacidade temporal (421.274,22 euros), avaliación do desempeño e carreira profesional (1.600.000 euros), Fondo de acción social (450.000,00 euros), formación (80.000,00 euros) e primas de xubilación (300.000 euros).

Tamén se incrementará a achega municipal ao Auditorio de Galicia, que ascende a 1.950.000,00 euros e se destinarán 2.851.636,02 euros a avanzar na modernización administrativa do concello e na mellora da administración electrónica e da dixitalización, cun incremento de case 25 por cento.

Manuel César reiterou que se trata dun “proxecto de orzamento que vai pór os alicerces da nova organización municipal que sirva para situar as persoas no centro das políticas locais e transformando o concello nesa dirección”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies