Compostela, 31 de maio do 2024 – Psoe e PP presentaron unha moción conxunta sobre o acto “Alba de Compostela” que, tras ser emendada polo BNG e Compostela Aberta, foi aprobada por unanimidade.
A moción pedía formalizar o acto facendo que se tramitara a través do regulamento de honras e que se decidan os pormenores no Consello de Condecoracións. BNG e CA pediron eliminar da moción as referencias á data na que se celebre o acto, un dos debates na primeira edición, e aceptaron de este xeito votar a favor.
A unanimidade na votación só delimita o espazo no que se decidirá como será “Alba de Compostela” este ano polo que queda no aire a data e os homenaxeados. Queda tamén si o experimento conxunto de PP e Psoe presentando esta moción repetirase no futuro.
Comisión da auga
O Pleno aprobou tamén por unanimidade a creación dunha comisión especial dedicada a analizar a forma máis sustentable e eficiente da xestión do ciclo da auga e que estará integrada por unha representación de todos os grupos municipais e por persoal técnico do concello.
A Comisión deberá decidir o modelo de xestión do ciclo da auga nos vindeiros anos. Unha incógnita xa que algúns grupos foron movendo os marcos nos últimos tempos. O PP non se pechou a ningunha fórmula e Compostela Aberta, posicionada cara á municipalización no 2015, recoñece que todo mudou e que hai que ter unha visión máis ampla.
Mentres o Psoe segue defendendo unha xestión privada que permita inversións e o BNG demanda informes contestando ao Psoe que si esas inversións nos as fixo a actual empresa concesionaria porque hai que pensar que unha nova as fará.
Declaracións institucionais
O Pleno municipal tamén aprobou de maneira unánime unha declaración institucional coa que se suma ás reivindicacións do Día do Orgullo LGBTI+, o vindeiro 28 de xuño, en conmemoración da primeira marcha do Orgullo que percorreu as rúas de Nova York na mesma data no 1970, un ano despois da revolta de Stonewall, evento “que marcou o que se considera o inicio do movemento na defensa dos dereitos das persoas LGBTI+”.
O texto recorda que “Santiago leva moitas décadas sendo concello de acollida, ademais do forno no que se xestaron moitas das reivindicacións transformadoras que antecederon os dereitos dos que gozamos hoxe” polo que é importante “coñecer o que aconteceu, e rescatar aquelas historias de discriminación, de resistencia, de solidariedade e de loita colectiva, para comprender que somos unha sociedade diversa, un concello diverso”.
Por outra banda os catro grupos municipais tamén aprobaron unha declaración institucional na que instan ás Cortes Xerais á tramitación da proposición da Lei ELA para que “as persoas afectadas por esta cruel doenza, as familiares e as coidadoras, sexan amparadas, en igualdade de trato co resto de persoas enfermas de calquera patoloxía, coa cobertura sociosanitaria que precisan para poder vivir con dignidade”.
A Corporación entende que esta nova norma “non pode volver ser anulada por trámites burocráticos, por deixamento lexislativo ou por establecemento doutras prioridades” e recoñece que, a pesar de non contar coas competencias sanitarias, “os municipios, como as entidades públicas máis achegadas á realidade cotiá da súa poboación, non podemos, non debemos, e non queremos darlles as costas a aquelas que máis precisan do noso compromiso público para superar o seu día a día”.
Por todo isto, o Concello comprométese nesta declaración a instar ao Estado a que “proceda á tramitación de xeito preferente, urxente e prioritario dunha proposición de lei que recolla as mellores achegas de cada unha das normas aprobadas, e á “Deputación Provincial da Coruña e á Xunta de Galicia para que, dentro do ámbito das súas competencias sociosanitarias, teñan en conta as necesidades do colectivo de doentes e familiares, á hora de deseñar, implementar e aplicar políticas que poidan incidir na mellora da calidade de vida das persoas afectadas”, e expresa a súa intención de “continuar prestando apoio público á reivindicación legal contida nesta moción, ata o momento en que a norma sexa publicada e entre en vigor”.