Compostela, 13 de xaneiro do 2025 – O pasado venres o goberno municipal de Santiago de Compostela presentaba aos medios de comunicación o plan de traballo para este ano, un 2025 que pode traer moitos cambios na cidade se todo o avanzado se confirma.

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, e a primeira tenente de alcaldesa, María Rozas, explicaron os puntos máis importantes do plan do 2025 e tamén deixaron claro aqueles asuntos que van a un ritmo distinto.
Unha vez máis confirmaron que a Casa da Xuventude non é unha prioridade e que Peleteiro seguirá sendo unha oportunidade que non se afasta pero cunha solución que camiña moi lenta. Dous elefantes na habitación de Compostela que seguen aí elección tras elección.
O primeiro reto de Compostela é aprobar un orzamento. Os socialistas son parte fundamental pero están inmersos nunha guerra interna, entre partido e grupo municipal, que non axuda. Por outra banda tratarase de que os fondos FEDER axuden a desenvolver a zona norte da cidade cun proxecto axeitado, os que se coñecen como Estratexias de Desenrolo Integrado Local (EDIL).
Como obxectivo inmediato, atópase rematar o Pombal, a Plataforma Loxística, abordar as reformas de Santa Isabel e Pazo de Raxoi e impulsar os proxectos de García Lorca, Puente la Reina, Mallou ou intervencións de abastecemento e saneamento para o rural.
A vivenda será protagonista en Compostela no 2025. Por unha banda coa volta da empresa municipal que incluirá a rehabilitación de cinco inmobles na Caramoniña para vivenda dotacional. A declaración de zonas de mercado tensionado e facilitar iniciativas dirixidas a promover vivenda protexida.
Tratarase ademais da rexeneración da zona Sur do Ensanche comezando pola rúa Santiago de Chile. En palabras da alcaldesa “Un novo modelo de mobilidade e urbano, adaptado ás condicións ambientais e que afianzará a identidade do Ensanche”

Tres equipamentos
Por outra banda María Rozas presentou distintos proxectos para Compostela que a priori poden ser moi interesantes. Unha vez que o novo parque de bombeiros irá na estrada da Coruña, a estrutura de Salgueiriños rehabilitarase con vistas a ser un espazo dedicado á xente moza.
O proxecto presentarase esta semana e tratará de financiarse con fondos europeos dentro tamén da xa mencionada EDIL. Por outra banda, a tenenta de alcaldesa avanzou que este ano estará operativo o Centro de Atención Integral ás persoas sen fogar de Belvís, que recupera os usos orixinais para o que foi concibido.
A concelleira explicou que, desta maneira, implantarase en Compostela o modelo housing first, que é o que mellor garante a integración das persoas en situación de senfogarismo e o mellor complemento para as liñas de acción actuais neste ámbito como o SEMUS ou os programas de acollida en pisos municipais e pensións, en colaboración con diferentes entidades sociais.
En terceiro lugar, María Rozas explicou que nos próximos meses sairán a licitación as obras do Centro de Maiores e Centro Sociocultural do Ensanche, un equipamento moi agardado, que será compartido polas Concellarías de Dereitos e Servizos Sociais e Centros Socioculturais, e que “nos permitirá impulsar actividades interxeracionais e de fomento do envellecemento activo”.
Doce meses de intensa actividade e con obxectivos físicos claros que veremos a fin de ano en que punto se atopan. O equipo de goberno recoñeceu que ta o momento centráronse no traballo interno co fin de conseguir unha administración máis áxil, agora verase se o conseguiron.