Un Plan Director largamente esperado xa que a adxudicación da redacción foi nos primeiros meses do ano 2022. Agora engadirase aos documentos que configuran o concurso de ideas para o conector central da cidade.

O Plan Director da Alameda de Santiago ven de ser presentado no concello aínda que faltan algúns trámites. Ven de recibir a aprobación da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico do Concello de Santiago, conta tamén co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e está pendente de informe por parte da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
O Plan Director da Alameda busca o equilibrio entre a preservación do parque como Ben de Interese Cultural, e fonte de valores ambientais, e os distintos usos que se lle podan dar.
O documento foi elaborado mediante un proceso participativo baixo a dirección da arquitecta do Consorcio de Santiago, Idoia Camiruaga. Tamén contou coa intervención de varias persoas expertas de diferentes disciplinas, incluído o arquitecto Albert Cuchí, o xeógrafo e economista Juan Requejo, a experta en xardinería e paisaxe Carmela Moral e o antropólogo Ramón Rodríguez Franco.
Na elaboración deste plan tamén se tiveron en conta as 264 enquisas cidadás que se fixeron na Alameda, 16 entrevistas en profundidade, e a participación dun grupo focal de asociacións e centros educativos, un obradoiro con mocidade e un obradoiro final de contraste.

Finalidade
O Plan Director da Alameda ten dous obxectivos principais: describir o seu estado actual e identificar as accións necesarias para a súa adecuada conservación e restauración e asegurar, así mesmo, o equilibrio entre os diferentes usos posibles.
O conxunto está composto por catro pezas: Alameda do Campo da Estrela, Paseo da Ferradura, Carballeira de Santa Susana e a explanada de San Clemente. Iago Lestegás lembrou que se trata dun dos espazos “máis singulares e máis queridos de Santiago de Compostela e ten un enorme valor ambiental, patrimonial e social”.
Lestegas explicou que “No equilibrio entre o valor ambiental, o valor patrimonial e o valor social está a virtude. Tendo en conta as dimensións do parque, hai que darlle todo o valor que merece como peza relevante do Patrimonio Mundial, reforzar o seu carácter de espazo de socialización ao aire libre e lugar de expresión cultural e social, e establecer unha interpretación do parque acorde coa crise ecolóxica que vivimos”.
Pola súa parte, a arquitecta Idoia Camiruaga indicou que unha das cuestións que pretende resolver este plan é a comunicación do espazo con outras zonas “máis axilmente”. Zonas como o campus, a Carballeira de San Lourenzo, ou o Sarela. “O que pretende é que a cidadanía poida comprendelas, facelas propias e utilizar a Alameda dun xeito razoable”, engadiu.
Espazos
Iago Lestegás detallou que plan vai ao detalle de cada unha das pezas que compoñen o parque. No caso da Carballeira de Santa Susana, poderán autorizarse actividades de carácter sociocultural tradicional (romarías, foliadas, feiras…), tanto na igrexa como nos seus espazos lindeiros, sempre que sexan respectuosas cos valores naturais e culturais.
No Campo da Estrela, compatibilizaranse os usos ordinarios do parque coa celebración de eventos temporais ou puntuais de carácter socioeconómico, cultural e deportivo. E podería acoller acontecementos populares tradicionais como as feiras da Ascensión e do Apóstolo, entre outros eventos festivos, sempre que sexa compatible co uso da Alameda como zona de paseo.
Para o Paseo da Ferradura, contémplase a súa utilización para actividades artísticas, culturais e científicas ao aire libre. O plan considera que, para algunhas zonas poderían acoller unha parte das feiras da Ascensión e do Apóstolo para diminuír a presión sobre a Carballeira, sempre que sexa compatible co seu uso como zona de paseo.
E finalmente, en canto a explanada de San Clemente, preténdese recuperar o espazo onde se realizaba a feira de gando no século XIX, mellorando a relación entre a Alameda e a cidade. Concretamente, proponse que o viario actual entre Porta Faxeira e a Alameda (incluído no ámbito do concurso para a transformación do conector central) teña un tratamento de pavimento e unha regulación das circulacións que lle dea prioridade ao tránsito peonil, podendo interromperse o tráfico rodado para a celebración de eventos.
Directrices
O Plan inclúe, así mesmo, un borrador de ordenanzas de uso que define as directrices que guiarían unha futura regulación dos usos ordinarios e extraordinarios co fin de compatibilizar todos os valores xa mencionados. Ademais, todas as actividades extraordinarias que se realicen no parque estarán suxeitas á aprobación previa dos servizos técnicos municipais, que poderán solicitarlle ao promotor dun evento un proxecto detallado sobre a actividade e afectación.
O Plan propón diferentes accións de transformación dirixidas ao patrimonio cultural (concretamente centradas no Paseo da Alameda, na Igrexa de Santa Susana e no Paseo da Ferradura) e accións de rexeneración dirixidas ao patrimonio natural (centradas na Carballeira e no uso sostible da auga). Tamén propón catalogar elementos concretos.
Observatorio da Alameda
O Plan Director da Alameda inclúe a a creación do Observatorio da Alameda de Santa Susana, co obxectivo de ofrecer un apoio integral para a xestión participativa do parque, seguindo criterios ecolóxicos, patrimoniais, paisaxísticos e de uso definidos.
