Santiago collerá a primeira feira arredor da cultura e da produción de videoxogos, baixo o nome de Pixel á Feira, dándolle prioridade ao traballo feito en Galicia.

A librería Alita Cómics acolleu a presentación de Pixel á Feira. Un evento que, durante dous días, ofrecerá unha programación que pon o foco no talento galego e no impacto do videoxogo na cultura popular.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o coordinador do proxecto, Iago Gordillo, presentaron o salón. Unha cita que contará con encontros profesionais sobre educación, tradución e selo galego e a gala do I Certame de Videoxogos en Galego, así como unha ampla Zona Interactiva e Arcade, con torneos, exposicións e máquinas orixinais de Daytona USA (1993), ademais de concertos, podcasts, espectáculos e actividades abertas a todas as idades.

Pixel á Feira celebrarase os días 8 e 9 de novembro no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Un proxecto que nace coa vontade de converterse nun punto de encontro anual para a industria do videoxogo en Galicia, un espazo de intercambio entre profesionais, creadoras e público afeccionado, e unha plataforma de difusión para dar visibilidade aos videoxogos feitos en Galicia e en galego.
O evento procurará situar este medio no centro da vida cultural galega e recoñecelo como o que xa é a nivel internacional: unha manifestación artística de enorme relevancia, un motor creativo e un lugar de encontro. A programación completa e horarios poden consultarse en pixelafeira.gal.
Goretti Sanmartín salientou a importancia de que Santiago de Compostela acolla este evento porque “somos capital non só do turismo senón tamén doutros sectores como o do comercio e agora o do vídeoxogo” e, neste sentido, lembrou que o primeiro vídeoxogo galego “O misterio das 7 pezas” foi creado precisamente en Santiago.
Pola súa banda, Regueira sinalou que Pixel á Feira “é moito máis ca un congreso, pois abarca moitas cuestións: mercado, memoria sobre videoxogos, lingua, divulgación…”. O vicepresidente puxo en valor o sector e a importancia de “darlle voz a outras partes relacionadas co videoxogo como o ensino, a arquitectura dos videoxogos e a lingua”.
Neste sentido, sinalou que “queremos contribuír ao fortalecemento e visibilidade da industria galega, para que continúe promovendo novos produtos e se popularicen”. “Pixel á Feira pon en común todo isto”, engadiu, “ofrecendo un escaparate para a venda e a promoción das empresas galegas”.
Un dos eixos principais desta primeira edición será a presenza da industria galega, cun programa que inclúe máis de vinte videoxogos desenvoltos en Galicia que poderán xogarse na Zona Interactiva, así como unha ducia de actividades no Escenario DLC, espazo reservado para presentacións de proxectos, obradoiros e máis actividades. A convocatoria para ambos espazos realizouse nas últimas semanas, con gran aceptación e interese.
A dimensión galega de Píxel á Feira reflíctese tamén na programación dos encontros, dedicados á tradución e localización en galego, ao uso dos videoxogos na educación e ao selo galego do videoxogo, con nomes como Alba Calvo, Fernando Moreiras, Isi Cano, Paula Rodríguez, Sara Cubelos, Víctor Justo, Violeta Moldes e Víctor Fernández. Voces referentes a nivel estatal e internacional que achegarán unha ollada profesional sobre a industria.
Por outra banda, en relación coa cultura dixital, chegarán a Píxel á Feria a gravación en directo dos podcasts Recuncho Gamer e Exército Mekemeke. O evento acollerá ademais a entrega do I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña, que recoñecerá a calidade e innovación de proxectos creados ou traducidos ao galego nas categorías de Mellor Videoxogo, Arte, Narrativa e Mecánicas.
Na Zona Interactiva tamén estará dispoñible a exposición do Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI), dedicada á historia e evolución deste medio en Galicia. Un dos grandes atractivos desta parte interactiva serán as máquinas recreativas Daytona USA do ano 93 con ata 8 xogadores simultáneos, unha das experiencias arcade máis inmersivas que contará con clásicos recoñecibles da historia do videoxogo de desenvolvedoras coma Capcom, SEGA ou Taito.
Un evento con proxección estatal
A programación completarase con actividades e convidadas de prestixio a nivel estatal, reforzando a dimensión nacional e de divulgación de Píxel á Feira. O músico e creador de contido Tiaviolí Gaming actuará por primeira vez en Galicia cun concerto que combina música, videoxogos e cultura dixital (sábado 8, 12.45 h).
Por outra banda o divulgador Miguel Ángel Cajigal Vera, O Barroquista, ofrecerá a charla ‘Arte & Historia nos Assassin’s Creed’ (sábado 8, 17.15 h), explorando o rigor histórico e artístico da popular saga. Ademais, o domingo 9 pecharase a programación co espectáculo ‘Impro Gamer’ do colectivo Reinas Malas e o Gamesong Trivial Musical.
Torneos e Zona Mercado
Píxel á Feira contará coa súa Zona Mercado, un espazo para tendas, librarías, artistas e marcas vinculadas á cultura dixital. Torneos de videoxogos clásicos e actuais, destacando o Torneo de Tetris organizado por Retro Cabeza, un dos grandes embaixadores deste videoxogo na Península.
Os torneos completaranse da man de Legion Gamer con xogos clásicos coma Sonic ou Windjammers, referentes actuais coma Mario Kart 8 DX ou Street Fighter 6, ou videoxogos galegos coma Super Woden GP 2, entre outros.
