Os días 19, 20 e 21 de maio Pint of Science organizarña na cidade numerosos eventos científicos, no Café Bar Alborada de Veiga, para celebrar o seu décimo aniversario

Pint of Science celebra este ano o seu décimo aniversario e organizará máis dun milleiro de eventos en 75 localidades de todo o país. Do 19 ao 21, de xeito gratuíto, organizaranse charlas divulgativas, monólogos ou experimentos de entre 20 e 30 minutos de duración.
Investigadoras e investigadores de tódalas áreas do coñecemento compartirán o seu traballo nun ambiente moi distinto ao habitual. En Santiago de Compostela, Pint of Science celebrarase no Café Bar Alborada de Veiga, cun total de 12 charlas científicas que abranguen desde a biomedicina ata o planeta Terra, pasando pola arqueoloxía e mesmo a psicoloxía.
Entre as persoas que participan nesta edición de Pint of Science Santiago atópanse Jorge Mira, que nos explicará cando visitar a Costa da Morte para ver o último solpor de Europa continental; Antía Lestido, que abordará riscos invisibles nos alimentos, desde a seguridade dos envases ata fraudes alimentarios; ou Zulema Varela, que mostrará como elementos tan cotiáns como árbores, liques ou mesmo plumas poden revelar os niveis de contaminación ambiental da nosa cidade.
Un dos obxectivos da organización é establecer un diálogo directo entre a comunidade investigadora e a sociedade. Yeray Folgar Cameán, investigador predoutoral e un dos coordinadores locais desta edición, explica que “a nosa intención é amosar a relevancia, o interese e a calidade da ciencia que se fai na cidade, cunha linguaxe clara e accesible”.
Destacan tamén que en Pint of Science “a ciencia é diversa e abrangue moito máis ca os ámbitos tradicionais: teremos química, si, pero tamén historia, linguaxe, psicoloxía… todo forma parte do coñecemento científico”.
En ámbito estatal, algunhas das novidades desta edición serán Pint Kids, unha serie de charlas e obradoiros dirixidos ao público infantil e familiar, dispoñibles na web do festival; Pinta a Bulo, unha iniciativa en colaboración con Infoveritas, que ofrecerá formación ás persoas relatoras e ferramentas ao público para combater a desinformación científica nas súas charlas; e Pintíficas, unha exposición que percorre as estacións de Adif para dar a coñecer as investigacións dunha vintena de científicas españolas.
Carlos Peris Torres, coordinador estatal de Pint of Science e tamén investigador, comenta que «cada edición de Pint of Science es una aventura, cada una de las 1000 charlas que habrá este año en todo el país será una oportunidad de inspirar y de despertar vocaciones. Cada interacción con el público es un recordatorio de por qué hacemos esto, porque la Ciencia no es solo conocimiento, también es pasión, emoción y conexión humana».
O programa completo pódese consultar en: https://pintofscience.es/events/santiago-de-compostela
Dez anos de Pint of Science
Ao longo de nove edicións, Pint of Science organizou en España un total de 1.800 eventos en 750 bares, nos que participaron máis de 4.300 persoas investigadoras e asistiron máis de 110.000 persoas. A décima edición será a maior en canto ao número de eventos organizados e localidades implicadas.
Pint of Science naceu en maio de 2013 no Reino Unido, cando os investigadores Michael Mostkin e Praveen Paul organizaron un evento nos seus laboratorios co fin de amosar a investigación que realizaban a persoas afectadas por distintas enfermidades mentais. Eles mesmos comprobaron o gran impacto que tivo neses pacientes, e pensaron: «se a xente vai aos laboratorios… por que non levar a ciencia ao lugar onde está a xente, aos bares?».
Pouco imaxinaban que uns anos despois a súa idea daría a volta ao mundo, celebrándose este 2025 de xeito simultáneo nos cinco continentes, con 27 países participantes. As científicas e científicos australianos serán os primeiros en subir a persiana dos bares e brindar polo coñecemento e a súa divulgación. Desde alí, e coa participación do resto de países anfitrións, dará comezo unha maratón de tres días de ciencia e bares por todo o mundo.
A asociación sen ánimo de lucro Pint of Science España é a impulsora da iniciativa no noso país, que conta co apoio e esforzo de máis de 600 persoas voluntarias, 11 delas en Santiago, así como cun gran número de entidades patrocinadoras e colaboradoras que fan posible cada edición.
Pintíficas, a importancia da muller e a nena na ciencia
Outra das novidades deste ano é a exposición Pintíficas, que pode verse en diversas estacións de tren de toda España. Está protagonizada por 23 científicas en paneis que reivindican e dan a coñecer as súas achegas á ciencia e as dificultades engadidas de ser muller na carreira investigadora.
A mostra, que ten como obxectivo servir de modelo ás futuras xeracións de nenas interesadas na ciencia, destaca a importancia de perseverar e anímaas a manter vivo o seu interese por esta traxectoria profesional. Ademais, está acompañada de curiosidades científicas en diversas áreas do coñecemento que permiten descubrir aspectos sorprendentes do traballo destas mulleres.
As científicas seleccionadas representan ás máis de 400 investigadoras españolas que participan no festival de divulgación científica Pint of Science.
Brindando nos bares pola ciencia e a súa divulgación!
Pint of Science 2025 é un evento de balde para tódalas persoas asistentes, e non sería posible sen a colaboración das entidades que patrocinan o festival, como ReiZentolo, AíFalaches, Nanogap, 3DforScience, Labbox, Technoform, CESIF, VHIO, Miltenyi, Plan Complementario, JJNN e Vadillo Asesores en toda España ou moitas outras entidades locais colaboradoras.