Compostela, 26 de outubro do 2022 – Compostela Aberta reclamará que se convoque o órgano de seguimento da EDUSI para saber en que situación se atopa a execución de eses fondos.
A voceira de CA. María Rozas, explica que no vai de lexislatura a mesa só se convocou unha vez e tiña que reunirse cada seis meses. Rozas mostrou a súa preocupación pola situación de moitos dos proxectos incluídos na Estratexia EDUSI e engadiu que se non se executan poderían ter que devolverse os fondos.

EDUSI
A estratexia de desenvolvemento urbano sostible e integrado, EDUSI, é unha ferramenta impulsada no goberno de Compostela Aberta que supuxo dez millóns de euros de fondos europeos. O programa ReVive Santiago-EDUSI foi aprobado no Pleno en xaneiro de 2016, e en setembro dese ano o Ministerio de Facenda acordou a súa inclusión no Programa Operativo de Crecemento Sustentable da Unión Europea, cunha dotación de fondos europeos de dez millóns de euros, o 80% do orzamento total das diferentes actuacións deseñadas.

Dentro da estratexia perfiláronse diferentes accións concretas para avanzar cara unha Compostela máis accesible, inclusiva e cunha maior posta en valor do patrimonio natural e cultural. En todo o proceso de elaboración da EDUSI déuselle unha gran importancia á participación cidadá, tal e como promove a propia Unión Europea nos programas que financia, e con ese obxectivo constituíuse un Órgano de Participación, Seguimento e Avaliación da estratexia formado por axentes veciñais, económicos e sociais representativos de Santiago.
Risco de perda dos fondos
María Rozas explicou que, no que levamos de mandato, o Goberno de Bugallo convocou o órgano de participación da EDUSI nunha única ocasión, en setembro de 2020, “e polo tanto leva máis de dous anos sen render contas sobre a execución do programa ReVive Santiago, e obviando a obriga de fomentar a participación que vai parella á concesión dos fondos europeos”.
A concelleira de CA advertiu que o Goberno “non o vai ter doado para cumprir os requisitos establecidos para a concesión dos fondos europeos, que apuntaban ao remate das actuacións antes do 31 de decembro de 2023”. Por iso, pediulle ao equipo de Bugallo “que explique cales son as xestións que realizou ata o de agora, e que medidas tén previsto implementar para non poñer en risco os 10 millóns de euros de achegas comunitarias asignados á EDUSI de Santiago”.
María Rozas denunciou que o Goberno non está cumprindo co cronograma que el mesmo aprobou en marzo deste ano, “no que se sinalaban cuestións como a aprobación inmediata do Plan de Mobilidade, que acaba de ser adxudicado cun prazo de execución de 12 meses; as obras de mellora do Campus Sur, que o Goberno de Bugallo comprometera para 2021 pero das que nada se sabe aínda; ou o Centro Integral para a Inclusión Social, que tamén continúa paralizado e nin sequera foi adxudicada a redacción do proxecto”.
A voceira de CA lembrou tamén que a maioría das actuacións da EDUSI están anualizadas no orzamento ata decembro de 2023, como a mellora da conexión do Parque de Belvís, o Centro de Excelencia Tecnolóxica de Emprego e Coñecemento, ou mesmo algunhas actuacións relacionadas coa administración electrónica. A maiores, explicou, o Goberno anunciou en setembro do 2020, nesa única reunión da Comisión de Seguimento da EDUSI, novas liñas de actuación con cargo á estratexia “nas que tampouco houbo avances desde entón, como a mellora da accesibilidade en vivendas de barrios desfavorecidos ou a restauración do contorno dos ríos Sar e Sarela”.
CA insta ao Goberno a impulsar a execución das actuacións previstas na estratexia e, no seu caso, a negociar co Ministerio de Facenda as prórrogas precisas para garantir que non se perda o financiamento europeo comprometido
