A decisión de Ryanair de pechar a base de Santiago de Compostela reabre o debate, nunca pechado, sobre as compañías de baixo custo e as axudas económicas, directas ou indirectas, que reciben.

O anuncio, por parte de AENA, dunha subida de taxas nos aeroportos serve de escusa á compañía Ryanair para seguir co seu plan de recortes votándolle a culpa a outros. Pecha a base de Compostela pero deixa ademais de voar a Vigo e, por exemplo, Tenerife norte.
Pero os recortes de Ryanair van máis alá xa que reducirá a súa capacidade en Asturias, Santander, Zaragoza ademais do xa mencionado de Canarias. A compañía argumenta que coa subida de taxas eses vos deixan de ser rendibles. Unha declaración que parece indicar que se estaban mantendo vos baratos grazas ás axudas estatais, non directas pero si en forma de taxas baixas.
O conselleiro delegado da aerolínea, Eddie Wilson, debuxa un escenario catastrófico no que se perderan milleiros de turistas. O certo é que a conexión AVE e o incremento de novos modelos de peregrinos xa leva tempo reducindo o número de pasaxeiros que optan polo avión para chegar a Compostela.
Tanto desde o concello como desde a Xunta de Galicia culpan ao goberno central de non preocuparse dos aeroportos medianos e pequenos e argumentan que AENA é unha empresa pública que ten que procurar eliminar as desigualdades entre territorios.
O concello de Santiago aproveitou tamén para lembrar que a Xunta debería coordinar os tres aeroportos e mostrouse disposto a sentarse para buscar solucións a unha situación que hai tempo que quedou claro que non é a máis eficiente, sobre todo a medida que se pon de manifesto o crecemento de Oporto.
